Festival Son Labreg@

Redacción.-

O Sindicato Labrego Galego, coa colaboración das asociacións Os Gorriós e O Buril, organiza este sábado, 2 de setembro, na parroquia de Louseiro e na vila de Sarria, o Festival Son Labreg@, no que haberá música, obradoiros, xantar, palestras e lecer.

Desta maneira, está previsto que, dende ás 11:00 horas se celebren varias mesas redondas ao longo do día baixo títulos como “Problemáticas do medio rural e políticas alternativas”, “A muller no medio rural galego” ou “Experiencias alternativas no medio rural”. Todas estas palestras estarán moderadas pola secretaria xeral do SLG, Isabel Vilalba Seivane, e contarán coa participación de nomes como Lidia Senra (eurodeputada), Mini Rivas (deputado polo BNG no Parlamento de Galiza), Davide Rodríguez (deputado por En Marea no Parlamento de Galiza), María Ferreiro (responsábel da Secretaría das Mulleres do SLG) ou Rebeca Raso (economista). Nas mesas tamén participarán labregos e labregas para compartir as súas experiencias como Mauro Álvarez Cortés, Dora Cabaleiro ou Sonia Vidal, entre outras persoas.

A parte musical correrá a cargo dos grupos Desviaos, Xenderal, Maskarpone e O Leo i Arremecághona. Ademais, haberá obradoiros sobre elaboración de cosméticos naturais, elaboración de queixos, linguaxe galega e linguaxe non sexista.

O Festival Son Labreg@ é unha iniciativa que xurdiu dun grupo de mozos e mozas vinculados ao rural, con relación tanto coa actividade agropecuaria como con movementos sociais. Ademais, todos e todas teñen como denominador común compartir a loita por un futuro digno para a xente que vive no medio rural.

En declaracións das persoas que organizan o Son Labreg@: “Os labregos e labregas somos a base da nosa sociedade, xa que temos nas nosas mans a responsabilidade de producir alimentos. Pero, ademais, gustaríanos facer achegas a outros niveis e, para iso, buscamos xerar neste día un espazo de convivencia, cun ambiente alternativo e de ilusión, onde, dun xeito lúdico, poidamos analizar as problemáticas que nos afectan decotío e trasladar tamén propostas en positivo ao noso arredor. Por outra banda, queremos dar esperanza a aquelas mozas e aqueles mozos que soñan con vivir no rural”.

30 de ago. de 2017

Relax de balneario

Antón de Guizán.-

Chegou o verán e un dos maiores activos turísticos da Chaira, o histórico balneário de Guitiriz, está pechado. Si a pésima xestión  das instalacións polo seu proprietário Andrés Conde Medín levou ao desastre económico, o corte do grifo do crédito leva agora a unha situación que non só perxudica ao negócio hosteleiro, senón tamén a todolos negócios de Guitiriz, proveedores, empregados, familias e á imaxe da vila e da comarca. A villa  dos cartos do balneário, pecha moitas tuberías coas institucións paralisadas ou incapaces de solucionar un problema que transcende a unha mera crise  de empresa.

A Banca (ABANCA) principal proprietária da débeda, está máis preocupada por facer caixa que de solucionar un problema que perxudica a grande número de clientes, cando con calquer venta quedarían sobradamente cubertas as perdas, situación aínda menos comprensível cando todos sabemos que calquer impago nun aluguer ou hipoteca ocasiona desafiuzamentos. Non se produciron presións institucionais dabondo ás partes implicadas a pesares do dramático da situación e das mobilizacións, que como mínimo devería levar a unha retirada masiva das contas neste banco co concello e a deputación á cabeza. Guitiriz co balneário pechado, INGEMARGA en crise, o parque empresarial convertido en cidade pantasma e o rural en proceso de desmantelamento necesita das institucións para algo máis que festas e asfaltados de estradas. O balneário é unha mostra da sequía económica da zona e urxe volver a abrir os grifos, pasar do relax do balneário ao relax no balneário. Así sexa.

11 de ago. de 2017

'Entrar aos Vilares' proyectarase n'A Coruña


Redacción.-

O vindeiro venres 11 de agosto ás 20:00 horas, proxéctase no Centro Social A COMUNA da Coruña o documentario ENTRAR AOS VILARES, finalista da 12 MICE Mostra Internacional de Cinema Etnográfico de Compostela en tres modalidades, mellor filme, mellor filme galego e premio do público.

O documentario, producido polo proxecto Os Vilares, Lareira de soños e dirixido por Cibrán Tenreiro é unha pelicula que trata de entrar nas peculiaridades da parroquia chairega do poeta Diaz Castro desde a visión de tres mozos da primeira xeración que non naceu na aldea, que non coñecen Os Vilares Se se adentran convidando ao publico a facelo tamén con eles nun documentario que ten moito de experimento e no que o protagonismo total é da veciñanza e deles mesmos coas suas reflexións. O filme está a percorrer desde a sua estrea nos Vilares, numerosos lugares de Galicia.

Na proxección, na Vereda do Polvorín 35, estarán o director Cibrán Tenreiro, 1°prémio María Luz Canales da Academia Galega do Audiovisual, e Antón de Guizán, presidente da Asociación Lareira de soños, produtora do filme, que manterán un colóquio co público asistente.

O 3 de setembro proxectarase tamén en Pontevedra, no Liceo Mutante.

https://www.facebook.com/events/692405520954737/?ti=cl

8 de ago. de 2017

Xornada de observación de libélulas

Redacción.-

O sábado 12 de agosto a Asociación Galega de Custodia do Territorio realizará unha saída pola Reserva da Biosfera de Terras do Miño para observar elevada biodiversidade de libélulas e cabaliños do demo existentes neste territorio.

Desde a asociación invitan a participar nesta xornada que comezará ás 11:00 na Casa das Insuas, Rábade (Lugo) e na que visitarse diferentes ríos, lagoas e humidais da zona en vehículos propios.

Deberase levar roupa e calzado de campo cómodo así como bebida e comida para o xantar.
Inscrición gratuíta na páxina web da AGCT (http://www.custodiadoterritorio.org/actividades)e máis información en custodiadoterritorio@gmail.com ou no 630-94.82.93.

Díptico breve para Xaquín Campo Freire

Xoan Xosé Fernández Abella.-

DÍPTICO BREVE PARA XAQUÍN CAMPO FREIRE
(Sempre cristián, sempre galego, sempre "Ganduxando vidas".
Visitador dos presos, e, sempre, cos humillados e ofendidos)


I.

Eu non tiven a túa valentía,
pero admírote moito, meu amigo,
de valentía constante, día a día.

O teu fogar cristián foi un abrigo
para ese cristianismo verdadeiro,
que te fixo de Cristo fiel testigo.

Sendo cura, fixécheste enfermeiro,
cunha entrega total cara ós doentes,
xa fosen crentes ou non fosen crentes,
e foi o teu alivio sobranceiro.


e II.

Non puiden asistir á túa homenaxe,
irmán Xaquín, porque non souben nada.
Xamais faría eu tan grave aldraxe.

Teño na miña alma ben gravada
a túa conduta sa e esclarecida
coa xente de atención necesitada.

Eu ben sei que ti apostas a túa vida
contra toda ruindade e inxustiza.
E que sintes na alma a gran ferida

dos aldraxes á nosa Nai Galiza,
-no teu peito ancorada e benquerida-,
do caciquismo infame que a escraviza.

Amigos dos obreiros en ti asoma
a conduta do Cristo xusticieiro.
Porque ti es de Deus, non do Diñeiro,
un grande amor no teu vivir agroma.

Os Tilos, 04/Agosto/2.017

4 de ago. de 2017

Comezou o InsuaCamp 2017


Redacción.-

O luns, 31 de xullo, deu comenzo en Rábade a 3ª edición do campamento de voluntariado científico, InsuaCamp 2017 coa presenza do catedrático en ecoloxía e experto en odonatos (libeliñas e cabaliños do demo), Adolfo Cordero que impartiu aos participantes unha master class sobre evolución e conservación de libeliñas. Participan no InsuaCamp estudantes, biólogos e naturalistas procedentes de diferentes rexións do Estado que estarán estudando a riqueza natural das Insuas do Miño durante cinco intensos días de traballo de campo. Os grupos zoolóxicos protagonistas son os morcegos,as libeliñas e cabaliños do demo, aínda que tamén se prestará atención a outros grupos faunísticos.

O InsuaCamp está organizado pola Asociación Galega de Custodia do Territorio (AGCT) e a Deputación de Lugo, no marco do acordo que ambas entidades teñen suscrito para a xestión e conservación das Insuas do Miño e os Ollos de Begonte, dous espazos de alto valor natural que son propiedade da Deputación. A asociación Drosera, especializada no estudo e conservación dos morcegos, tamén participa na organización.

As Insuas do Miño conforman un dos mellores bosques aluviais da península Ibérica, estando incluidas na Rede Natura 2000 e situadas na zona núcleo da Reserva da Biosfera de Terras do Miño.

Proyectos das FeAs

Redacción.-

As FeAs, colectivo de máis de 30 asociacións da Terra Chá e a contorna, na ultima asemblea en Muimenta, decideu coordinar as actividades socioculturais da comarca mesmo deseñando unha axenda que comprometa a todas as asociacións.

Tamén decidiron artellar un festival a prol do proxecto “Salvemos a Casa de Díaz Castro, xa que unha vez recuperada vai ser a Casa da Xente, un espazo aberto para todas as asociacións, na liña de colaborar para manter viva a nosa cultura nun rural cada volta máis despoboado. Cadran en que compre unirse para loitar polo futuro da nosa comarca que asenta as súas raíces neste xeito de convivir.