Comezou o InsuaCamp 2017


Redacción.-

O luns, 31 de xullo, deu comenzo en Rábade a 3ª edición do campamento de voluntariado científico, InsuaCamp 2017 coa presenza do catedrático en ecoloxía e experto en odonatos (libeliñas e cabaliños do demo), Adolfo Cordero que impartiu aos participantes unha master class sobre evolución e conservación de libeliñas. Participan no InsuaCamp estudantes, biólogos e naturalistas procedentes de diferentes rexións do Estado que estarán estudando a riqueza natural das Insuas do Miño durante cinco intensos días de traballo de campo. Os grupos zoolóxicos protagonistas son os morcegos,as libeliñas e cabaliños do demo, aínda que tamén se prestará atención a outros grupos faunísticos.

O InsuaCamp está organizado pola Asociación Galega de Custodia do Territorio (AGCT) e a Deputación de Lugo, no marco do acordo que ambas entidades teñen suscrito para a xestión e conservación das Insuas do Miño e os Ollos de Begonte, dous espazos de alto valor natural que son propiedade da Deputación. A asociación Drosera, especializada no estudo e conservación dos morcegos, tamén participa na organización.

As Insuas do Miño conforman un dos mellores bosques aluviais da península Ibérica, estando incluidas na Rede Natura 2000 e situadas na zona núcleo da Reserva da Biosfera de Terras do Miño.

04/08/2017

0 comentários :

Danos a túa opinión