Díptico breve para Xaquín Campo Freire

Xoan Xosé Fernández Abella.-

DÍPTICO BREVE PARA XAQUÍN CAMPO FREIRE
(Sempre cristián, sempre galego, sempre "Ganduxando vidas".
Visitador dos presos, e, sempre, cos humillados e ofendidos)


I.

Eu non tiven a túa valentía,
pero admírote moito, meu amigo,
de valentía constante, día a día.

O teu fogar cristián foi un abrigo
para ese cristianismo verdadeiro,
que te fixo de Cristo fiel testigo.

Sendo cura, fixécheste enfermeiro,
cunha entrega total cara ós doentes,
xa fosen crentes ou non fosen crentes,
e foi o teu alivio sobranceiro.


e II.

Non puiden asistir á túa homenaxe,
irmán Xaquín, porque non souben nada.
Xamais faría eu tan grave aldraxe.

Teño na miña alma ben gravada
a túa conduta sa e esclarecida
coa xente de atención necesitada.

Eu ben sei que ti apostas a túa vida
contra toda ruindade e inxustiza.
E que sintes na alma a gran ferida

dos aldraxes á nosa Nai Galiza,
-no teu peito ancorada e benquerida-,
do caciquismo infame que a escraviza.

Amigos dos obreiros en ti asoma
a conduta do Cristo xusticieiro.
Porque ti es de Deus, non do Diñeiro,
un grande amor no teu vivir agroma.

Os Tilos, 04/Agosto/2.017

4 de ago. de 2017

0 comentários :

Danos a túa opinión