A resiliencia, actitude do xornalista


Moncho Paz.- Credo, credo, credo... Conta a lenda que esta palabra, repetida ata tres veces, foi a derradeira que pronunciou o mariscal Pardo de Cela en Mondoñedo, ao ser executado na Praza da Catedral. É precisamente nese lugar onde gardo unha das miñas primeiras lembranzas da infancia.

A primeira vez que estiven en Mondoñedo foi hai máis de corenta anos, sendo un raparigo. En compañía da miña familia chegamos unha tarde de primavera para visitar a un curmán da miña avoa: Francisco Fanego Losada, membro da Real Academia Galega e distinguido coa Gran Cruz de Alfonso X o Sabio, ao que me presentaron coma un ilustre latinista. Eu, que non sabía moi ben que era iso, formulei as miñas preguntas de neno curioso e meus pais explicáronme que aquel “profesor de latín e de poética” (que exercía o seu maxisterio no seminario Santa Catalina) era capaz de escribir poemas en lingua itálica en perfectos hexámetros, considerados os versos da épica e dos himnos. 

Aquela casa chea de libros deixoume impresionado. Tamén o comentario de Paco Fanego, cando afirmou que sería un bo xornalista (porque non deixaba de facer preguntas). Acertou de pleno. Ou quizais fun eu o que acertei, pois a súa reflexión roldoume na cabeza durante moito tempo, espertando unha vocación temperá que xa nunca me abandonou.

Entrando no tema que hoxe nos convoca en #TEDxMondonedo, cómpre dicir que a resiliencia, xunto co optimismo e a coherencia, son tres actitudes que debe manter todo bo xornalista, por simple capacidade de supervivencia. Existen optimistas natos, como o meu pai (que sempre di “hai que afrontar os problemas con alegría”), pero o optimismo e a capacidade de superar circunstancias adversas tamén forman parte da nosa aprendizaxe vital; a tendencia a reaccionar de forma positiva é directamente proporcional á calidade de vida e ao desenvolvemento da satisfacción persoal. E a coherencia é fundamental nunha profesión como a nosa, onde ás veces un manexa tanta información que ata prefire non dispor de máis datos sobre algúns asuntos.

Sábeno ben os correspondentes de guerra, afeitos a sobrepoñerse á adversidade de xeito case inmediato. Así era, por exemplo, o noso compañeiro José Couso, que sufría cando vía sufrir, boa testemuña das brutalidades que se ven nos conflitos, como lembra a miña amiga Ángeles Espinosa, compañeira de fatigas profesionais que acompañaba a Couso e a Jon Sistiaga aquel aciago día no Hotel Palestina de Bagdad. 

E sábeno ben os xornalistas mexicanos, asasinados por exercer o seu labor de informadores; coa morte de Cándido Ríos “Pavuche” o pasado 22 de agosto, xa van nove asasinados no que vai de ano.

Tamén o sabía o xornalista Juan Ramón Díaz García, un gran profesional do noso tempo que nos deixou fai tan só un par de anos. Gran renovador da prensa galega, Juan Ramón foi coñecido pola súa intelixencia e astucia esquiva, o que provocou que tanto amigos como detractores o apodasen “O xogadas”. Tiña un fino sentido do humor e era todo un mestre da retranca. Adoitaba contar unha anécdota do seu pai, o recordado Xosé Díaz Jácome, Cronista Oficial e Fillo Predilecto de Mondoñedo, de quen aprendeu a ser resiliente. A súa filosofía e estilo de actuación pode resumirse nunha frase: “As cousas nesta vida hai que veas vir, deixalas pasar e, se non queda outro remedio, paralas a tempo”. Juan Ramón tivo que superar unha dura proba vital e enfrontarse á fatalidade, soportando a tráxica perda da súa filla nun accidente de circulación. Sempre estarán na nosa memoria as entrañables imaxes das súas breves estadías en Vilalba, que consideraba parada obrigada cando ía cara Mondoñedo, a cidade “rica en pan, en augas e en latín” (que diría Cunqueiro).

Facer fronte á adversidade non é doado. E menos o é sacar partido a unha situación adversa, aprender dela. De feito, a nosa probabilidade de acadar o éxito radica na superación de obstáculos. Así se demostrou ao longo da Historia, como cando Xulio César decidiu atravesar o río Rubicón coas súas centurias logo de moitas vacilacións: Alea jacta est (A sorte está botada). Sábeno moi ben en determinadas profesións, como os enxeñeiros ou os médicos.

O ideal para iso é arrodearse de persoas positivas, que tamén axudan a manter unha actitude constructiva. Albert Boadella, cómico e bufón, referiuse nunha ocasión aos “armónicos”, para definir a un tipo de seres que se caracterizan por facer as cousas máis fáciles e levadeiras, que controlan ben as emocións e saben aprender dos erros, cos cales hai unha sintonía permanente, malia as fronteiras físicas e as distancias temporais. É como o amigo ao que ves de novo tras pasar moitos anos e percibes que se mantén a mesma camaradería, sen alteracións. 

Un serán de lecer en Mondoñedo non pode rematar sen unha obrigada referencia á figura de Álvaro Cunqueiro, un mago das letras capaz de naturalizar o incrible e normalizar o fantástico. Sabían vostedes que a orixe do realismo máxico non é Macondo, senon a diócese Mondoñedo-Ferrol? Así é. Con Cunqueiro en Mondoñedo e con Torrente Ballester na cidade departamental. Dous autores de referencia para a literatura made in Galicia. Tanto na súa obra literaria como no exercicio da profesión xornalística, Don Álvaro soubo lidiar coa censura en distintos momentos; como non podía utilizar a súa verdadeira identidade, empregaba o alcume Álvaro de Labrada. Ata que a súa sinatura foi recuperada grazas ao xornal Faro de Vigo en 1950, cando o seu entón director, Francisco Leal Insua, propúxolle colaborar no xornal, ao que Cunqueiro preguntou: Con que pseudónimo vou asinar?. Insua contestoulle: "Con Álvaro Cunqueiro". Por esta razón, o prolífico autor de Merlín e familia instalouse en Vigo e comezou a colaborar cun medio que dirixiría de 1965 a 1970.

Finalmente, quero propoñer que Mondoñedo, coa categoría de cidade desde 1156 e cun conxunto histórico-artístico de singular beleza, sexa declarada oficialmente “capital mundial da resiliencia”, porque tanto este lugar como as súas xentes souberon manter e conservar a paisaxe -natural e arquitectónica- a través do tempo.

13/09/2017

0 comentários :

Danos a túa opinión