IX Lúas de outono

Redacción.-

“Lúas de Outono”, a homenaxe anual a Manuel María, terá lugar o próximo 20 de setembro ás 20.30 horas no Teatro Rosalía de Castro da Coruña. Desta volta, na súa novena edición, o protagonismo irá para o teatro da man da compañía Lucecús Teatro que representará “A verdadeira historia do poeta Manuel de Paderna” que leva á escena a popular figura que tanto influiu na biografía de Manuel María.

A obra “A verdadeira historia do poeta Manuel de Paderna”, levada á escena pola compañía Lucecús Teatro, centrará “Lúas de Outono”, a homenaxe anual que a Fundación Manuel María lle ofrece ao escritor que faleceu por estas datas hai agora trece anos.

A homenaxe foi presentada este venres na Sala de Comisións da Deputación da Coruña nun acto en que participaron a vicepresidenta e responsábel da área de Cultura da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín, a viúva de Manuel María e Presidenta da Fundación Manuel María, Saleta Goi, o secretario da Fundación Manuel María, Alberte Ansede e o director e acto de Lucecús Teatro, Rubén Pérez Pombo.

Unha obra dramática por descubrir
“A homenaxe é unha nova posibilidade de achegarnos ao escritor Manuel María nunha cita anual que contará, como cada ano, co apoio do público como en todas as actividades que ao longo do ano organiza a Fundación Manuel María que entende que o seu ten que ser un traballo continuado no tempo que impregne a sociedade galega das súas palabras, do respecto á natureza, da unión á terra, do compromiso coa lingua e o país…”, sinalou na súa intervención Goretti Sanmartín ao tempo que mostrou a súa satisfacción de contribuír ao programa de actividades da Fundación desde a liña de axudas en concorrencia competitiva.

Pola súa parte, Saleta Goi, agradeceu o compromiso de todas as persoas que participan na homenaxe e lembrou que o teatro, protagonista desta edición, foi, despois da poesía, o xénero que a Manuel María máis o divertía. Con escritor instalárase Saleta Goi no barrio de Monte Alto da Coruña, cidade que cada ano, como lembrou Alberte Ansede, responde con afectividade a estas “Lúas de Outono” que se desenvolven por volta da data do falecemento do escritor. “Deixou unha grande impronta na cidade e nesta homenaxe, que xa é unha referencia cultural no calendario, exprésase o cariño do público e os lectores e lectoras da súa obra”, dixo Alberte Ansede

O secretario da Fundación Manuel María destacou o papel da entidade á hora de difundir a obra do escritor por medio de distintas manifestacións artísticas como son a danza, a maxia, os espectáculos audiovisuais, a música ou, neste caso o teatro. “Lucecús Teatro achéganos a través do espectáculo á figura do poeta popular Manuel de Paderna, personaxe real que tivo unha influencia enorme en Manuel María xa que con el se achegou á arte de versificar”, dixo Alberte Ansede que aproveitou para destacar a obra teatral de Manuel María, un conxunto de 36 pezas “que o converten nun dos dramaturgos galegos máis prolíferos e un grande autor teatral que o grande público descubrirá cando se publiquen”.

 Finalmente, o director de Lucecús Teatro, Rubén Pérez Pombo, mostrou a súa satisfacción por levar a escena unha obra que “a través da figura de Manuel de Paderna fai un percorrido pola xeografía de Manuel María e os seus textos. A obra é unha celebración da vida, da nosa cultura e do noso país e da celebración do espírito de Manuel María”.

 A entrada á obra, que se representa por primeira vez na Coruña, é libre até completar o aforo do Teatro Rosalía de Castro.

16/09/2017

0 comentários :

Danos a túa opinión