XLIII Premio de narracións Modesto Figueiredo

Redacción.-

1.FINALIDADE DO PREMIO

A Fundación do Padroado do Pedrón de Ouro, coa colaboración do Concello de ARZÚA ( A CORUÑA) organiza o Certame Nacional Galego de Narracións Breves baixo o nome de "Premio Modesto R. Figueiredo”. Este certame organízase coa finalidade de promover a literatura narrativa en lingua galega e homenaxear ao seu artellador, o pontevedrés Modesto R. Figueiredo.

2.REQUISITOS PARA PARTICIPAR

Poderán participar todos os autores e todas as autoras de calquera nacionalidade, con unha ou máis obras, sempre que estean escritas en lingua galega, sexan inéditas e non se presentasen antes a ningún outro certame literario.

3.TRABALLOS QUE SE PODEN PRESENTAR

Os traballos deben ter un mínimo de cinco e un máximo de trinta páxinas

mecanografadas a dobre espazo e por unha soa cara en follas de tamaño DIN-A4. Non obstante, o Xurado poderá reconsiderar esta base se entendese que a temática ou desenvolvemento lóxico do argumento o precisasen.

4.TEMPO E MODO DE PRESENTACIÓN

As persoas que participen deberán enviar os seus traballos por quintuplicado

sen remite, ou outra forma de identificación, antes do 20 DE NOVEMBRO de 2017 a algún destes enderezos:

FUNDACIÓN DO PADROADO DO PEDRÓN DE OURO

Apdo. de Correos,627. Santiago de Compostela

CONCELLO DE ARZÚA

Rúa Santiago,2 - 15810 Arzúa – A Coruña

Para a identificación das persoas premiadas ou para aquelas autoras ou aqueles autores de obras que o Xurado considere apropiadas para publicar, todos os traballos deberán engadir un sobre pechado, cos seus datos (nome, apelidos, enderezo, teléfono ou correo electrónico) e tamén o currículo vitae

de o considerar oportuno. No exterior do sobre só aparecerá o título ou lema da obra.

(***) Con respecto aos traballos que o Xurado considere merecentes de

publicación poderán abrirse as plicas correspondentes para poñerse en contacto cos autores e autoras para que dean o consentimento para publicalos.

5.PREMIOS

A obra gañadora será premiada con 1000€ ( suxeito ás obrigadas retencións fiscais). Porén, se o Xurado considera de calidade outras obras, dúas delas máis poderán obter segundos premios que serán de 400 € cada un ( e asemade tamén suxeitos ás obrigadas retencións fiscais) . Ademais, o Xurado poderá recomendar a publicación daqueles traballos que así o considere (aínda, que non contarán con premio económico)(***).

(***) En todo caso, a publicación destas obras soamente será posíbel co consentimento das súas autoras ou dos seus autores.

6.XURADO E DECISIÓN

O Xurado estará composto por especialistas en crítica literaria

designados pola Fundación do Pedrón de Ouro co asesoramento e colaboración das Asociacións de Escritores ( AELG e PEN CLUBE DE ESCRITORES DE GALICIA )e do Concello de ARZÚA ( A CORUÑA).Así, a Fundación do Pedrón de Ouro reservarase os postos de presidente/a, e secretario/a (este último con voz, pero sen voto).

(***) Se a calidade literaria das obras non fose estimábel, segundo o criterio do Xurado, o premio poderá declararse deserto.

O Xurado reunirase na segunda quincena do mes de decembro e dará a coñecer a obra ou obras premiadas coa apertura de plicas diante dos medios de comunicación. Finalmente, ao remate da decisión do Xurado o/a secretario/a redactará a acta que asinarán todos os membros deste.

7.ENTREGA DE PREMIOS

Os premios que obteñan as obras seleccionadas entregaranse nun acto

organizado polo Concello de ARZÚA ( A CORUÑA) en día e data que se dará a coñecer oportunamente. Os/as autores/as premiados/as terán que recoller persoalmente os seus galardóns.

8.OBXECCIÓNS E NORMAS DE INTERESE

A Fundación do Padroado do Pedrón de Ouro reservarase o dereito exclusivo de publicar as obras premiadas na súa primeira edición. O/a autor/a ou autores/as, ao aceptaren estas bases, renuncian voluntariamente aos seus dereitos en favor da Fundación do Padroado do Pedrón de Ouro.

A partir da seguinte edición, as obras son da total propiedade das súas autoras e autores, os/as cales terán a obriga de facer constar que a obra foi premiada no Premio Modesto R. Figueiredo da Fundación do Padroado do Pedrón de Ouro. As obras non premiadas seranlles devoltas aos seus autores e ás súas autoras se as requiren antes de rematar o mes seguinte á decisión do Xurado. Se ninguén as require, serán destruídas.

A Fundación do Padroado do Pedrón de Ouro é a única entidade con

capacidade para decidir en última instancia calquera dúbida que puidese suscitar a interpretación das bases deste certame.

O feito de concursar xa obriga ás autoras e aos autores a aceptar as presentes bases deste Certame.

12 de set. de 2017

0 comentários :

Danos a túa opinión