Recital poético en Betanzos

Redacción.-

O próximo sábado bota a andar en Betanzos un novo grupo poético-VINTE, poesía argonauta- con un recital no espazo literario Biblos e na Asociación Lar de Unta nun acto poético no que participarán poetas do novo grupo, da NPG (Nova Poesia Guitirica) e o poeta vilalbés Martiño Maseda.

A dinamica literaria chairega achega o seu apoio a iniciativas da comarca veciña e senta vías de colaboración cultural para o futuro con esta nova iniciativa, espello da NPG, que xa ten participado de numerosas actividades fóra da comarca e que prepara para o 2 de decembro nos Vilares a entrega de premios do Certame "VILARIÑAS" de micropoemas. 

30 de out. de 2017

'As pombas do carvoeiro' en Villalba

Redacción.-

O Instituto de Estudios Chairegos, continuando co desenrolo dos II SÁBADOS DE TEATRO, organiza para o vindeiro sábado, 28 de outubro, ás 20:30 horas, no Auditorio Municipal vilalbés, a terceira función que correrá a cargo do grupo FANTOCHES BAJ, que pon en escea a obra “AS POMBAS DO CARBOEIRO”.

Nesta ocasión, colabora na representación A BANDA DE MÚSICA DE VILALBA interpretando en directo as pezas musicais.

O espectáculo
Un espectáculo de narración oral, música en directo e a técnica xaponesa do Kamishibai
Coa axuda das cartas do tarot de Marsella, un frade e un novicio revélanlle a un batallón das tropas napoleónicas acampadas en Carboeiro a fantástica orixe das pombas do mosteiro.

A través do seu relato descubrirán a historia de amor  protagonizada por Cervela, correo de El-Rei Fernando II, e Octavia, a filla máis nova de Lupa de Lobarzán; amor que por razóns de sangue non lles será permitido.

A dramaturxia e a música deste novidoso e fascinante espectáculo está deseñado para ser interpretado nesta ocasión co seguinte formato:

 -Formato teatro con Banda de música, onde Benxamín Otero compuxo as músicas para ser interpretadas, nesta función, pola BANDA DE MÚSICA DE VILALBA, que acompañará á dramatización.
  
Historias, contos, cantos, lendas e romances
As Pombas de Carboeiro é un metarrelato que conta como un frade trata de convencer coa súa historia a un batallón do exército napoleónico para que os soldados non sacien a súa fame coa poboación de pombas mensaxeiras do mosteiro. O frade, para ilustrar o seu relato, emprega as cartas do Tarot de Marsella coas que os soldados franceses se entretiñan.

27 de out. de 2017

Arquitecturas debuxadas

Redacción.-

O Instituto de Estudos Chairegos organiza o vindeiro venres, día 27 de outubro de 2017, ás 20:30 horas, na Casa da Cultura de Vilalba, a presentación do libro ARQUITECTURAS DEBU-XADAS, de SANTIAGO CATALÁN. No acto, ademais do autor do libro, intervirán MANUEL BRAGADO, director de Edicións Xerais de Galicia, entidade editora da publicación, MANUEL ROCA CENDÁN, profesor e vogal da Xunta Directiva do Iescha, e MARISA BARREIRO MEJUTO, mestra e presidenta do Iescha.

O arquitecto Santiago Catalán ofrece neste libro un itinerario visual inédito sobre a cidade de Lugo. Arquitecturas debuxadas polo autor con asombrosa fidelidade a algúns dos espazos e das edificacións emblemáticas da cidade bimilenaria, como a catedral, a casa do Concello, a praza do campo e a muralla. Unha obra que, ademais, homenaxea a Juan Álvarez de Mendoza, Luis Bellido, Nemesio Cobreros, Eloy Maquieira ou Alfredo Vara, arquitectos que deseñaron a cidade e renovaron o seu urbanismo no último século. En palabras de Paco Martín, “Santiago Catalán, nesta obra, que non dubido en cualificar de substancial para o coñecemento da nosa cidade, descorre coa mao sensible do artista a cortina que gardaba da nosa vista moito diso que cada día miramos pero que non sempre vemos”. “Arquitecturas debuxadas vén achaiar o camiño do viaxeiro interesado despechándolle portas á curiosidade intelixente, a encher de arte e coñecemento ese espazo que o costume e a rutina foron baleirando na sabenza dos lugueses”. Un libro que Santiago Jaureguizar cualifica como “celebración das porcións de Lugo, ‘que adscribe’ á Cidade Eterna”, engadindo que “o vademécum de Catalán é o inventario que o noso sandador nos lega para indicarnos a arquitectura luguesa que debemos preservar”.

SANTIAGO CATALÁN
Santiago Catalán (Madrid 1954) é arquitecto, debuxante e pintor. Desde a súa titulación na Escuela de Arquitectura de Madrid, en 1978, compaxinou a súa faceta profesional (con proxectos de edificios públicos, restauración de monumentos, interiorismo e deseño gráfico) cunha intensa dedicación ao debuxo e ao mundo da arte en xeral, sendo fundador e socio da Galería Bacabú de 1998 a 2001 en Lugo, o seu lugar de residencia desde 1980.

26 de out. de 2017

Salvar os frescos

Redacción.-

A Asociación Sócio-Cultural Lareira de soños dos Vilares e o párroco de Labrada, Luia Ángel Rodríguez Patiño, lebarán a cabo diversas iniciativas para reclamar a urxente restauración das pinturas murais renacentistas das igrexas das parróquias de Labrada e Os Vilares. Despois de vários anos de reclamacións, entrevistas, informes e visitas de autoridades para a recuperación destas importantes pinturas dos séculos XV e XVI sin resultados positivos, a alarma do deterioro dos mesmos obrigam a chamar a atención sobre o perigo da perda definitiva duna frescos con mais de cinco entoa anos de antiguidade.

As humidades, o desconchado das paredes, a falta de mantemento e consolidación destas obras artísticas levam a unha degradación ano tras ano que vai camiño de facerse definitiva e irrecuperável si non se actúa con urxencia.

É por isto que as duas parróquias despois de várias conversas entre o párroco de Labrada e o presidente da Lareira de soños decidiron emprender accións conxuntas para apremiar ás institucións na salvación destes murais e o seu posterior nomeamebto como Ben de Interese Cultural (BIC).

Descubertos os frescos nos anos 90 en ámbalas dúas igrexas e conservados detrás de caleados profiláticos, non se tem tomado ningunha de protección desde entonces, quedando case trinta anos á súa sorte e con un avanzado estado de deterioro.

A Terra Chá Ten nestes frescos um importante património de arte relixiosa que debe preservar e poñer en valor nuns templos ademáis coas suas orixes nos séculos XII (Os Vilares) e XIII (Labrada) e con importantes retablos góticos e renacentistas e outras iconografias entre a que destaca tamén o calvário de três cruzeiros dos Vilares ou o sartego de pedra entre outros...

Paco Nogueiras na Casa-Museo Manuel María

Redacción.-

O músico e actor Paco Nogueiras presentará este sábado, día 28 de outubro, ás 18 hrs, na Casa-Museo Manuel María, o seu traballo musical “Brinca Vai!”.

No concerto, dirixido para o público infantil e familiar, Paco Nogueiras interpretará cancións para os diferentes momentos do ano a través de distintos estilos musicais (techno, rock, folk, reggae…).

O concerto deste sábado en Outeiro de Rei será un dos últimos do exitoso libro-cd “Brinca Vai!”, pois o músico está a piques de publicar un novo traballo musical para as crianzas que leva por título “Radio BULEBULE”.

O custo da entrada é de 2 euros e pódese facer a reserva no tel. 698177621 ou no correo electrónico contacto@casamuseomanuelmaria.gal.
A actividade está coorganizada pola Casa-Museo Manuel María e as ANPAS do CEIP Laverde Ruíz de Outeiro de Rei e Otero Pedrayo de Rábade.

25 de out. de 2017

As bibliotecas

David Otero.-

Poñen o seu día no vintecatro deste mes, martes, pero a grande palabra biblioteca debe , no valer dos desexos, dicirse e vivirse todo o ano conxugando o verbo ler, aínda que na data antedita do vintecatro lle deamos acariñadamente un intensivo acento.A nosa forza de lectoras e de lectores vai na suma dos días dos anos nos que nas bibliotecas ( e noutros espazos) exerzamos activamente lectura. Días dos anos os cales han reflictir en nós, nas nosas actitudes e conductas, as verdades emocionais desas experiencias lectoras., pois a lectura nunca perdeu a súa maxia, o seu misterio, pero tampouco o seu dramatismo, a súa vértice que nos envolve para que vexamos que neste mundo hai outros. Nela hai memoria e xa que logo amor e tamén cabreo e xenreira, incomodidade ( non lle direi odio pero…) Iso si…pola lectura non debésemos parar quietos. Menudo fervedoiro.Pola lectura nós non somos receptores pasivos de tantos mundos que nos posibilitan os libros e outros soportes. Pola súa mediación, tamén polas autoras e os autores, estamos creando de seguido, pois facemos lectura co que somos e co que temos.

As bibliotecas non deben ser lugares de quietude, nin de silencio. Serán espazos de nos atopar, de discrepar ou de chegar a acordos ilusionantes, pois nada debemos illar dos sentimentos. Serán lugares de lectoras e de lectores que permiten tempos de tactos e de contactos cos soportes de lectura, asemade que cos nosos pareceres e estimas, poñendo a rular experiencias e proxectos con traxectos, cos pés na terra e coas cabesiñas a brincar cos sentimentos nas tantas músicas das emocións, das fantasías e das imaxinacións, Todo así ben cheo de horas cargadísimas de contidos marabillosos nos que facer lecturas de moitos tipos, pero en especial lecturas creativas, vivas e activadas a toda marcha e enerxías ( pois témolas e non poucas) e sempre nos abrazos sentidos e de cantidades volumétricas da nosa lingua e da nosa cultura ( como fundamentais conexións valedoras e eficaces para entender o mundo).

Velaí as bibliotecas , coas súas bibliotecarias e cos seus bibliotecarios, como nos ofertan oportunidades ( pasen sen chamar) para compartir mornuras cos soportes de lecturas, lendo, comunicando, xunto coas lectoras e cos lectores ( e cos que non o son, que tamén teñen importancia, pois han saber que as portas das bibliotecas están tamén abertas para elas e para eles, si, para entrar, para quedárense ou para írense).Nestes espazos de lecturas( non únicos) todas e todos sentiremos o latexar dos grandes corazóns das bibliotecas, pois a forza delas será o resultado da suma plural dos nosos. A dos nosos corazóns de lectoras e de lectores. Pasen e nótenno. Feliz día ( lendo, claro).

24 de out. de 2017

Presentación de 'O filósofo coxo'

Redacción.-

Hoxe preséntase no Concello de Guitiriz o poemario O filósofo coxo, de Eduard Velasco, que resultou gañador do II Premio de Poesía Díaz Castro.

O acto desenvolverase o venres 13 de outubro a partir das oito do serán na Casa Habanera e contará coa presenza do propio autor así como de Ánxela Gracián, Miguel Anxo Fernán Vello e Armando Requeixo en representación do xurado que outorgou o premio.

13 de out. de 2017

II Sábados de Teatro

Redacción.-

O Instituto de Estudios Chairegos, continuando co desenvolvemento das actividades programadas para o presente ano 2017, organiza os II SÁBADOS DE TEATRO. Durante tres sábados do mes de outubro e un venres do de novembro, poñeranse en escea outras tantas obras a cargo de catro grupos teatrais distintos. Para esta actividade, o Iescha conta coa colaboración da Área de Cultura da Deputación de Lugo, acolléndose, nas dúas primeiras actuacións, ao seu proxecto global de teatro Buxiganga’2017.

O programa completo consta das seguintes representacións e grupos:
-SÁBADO, 14 DE OUTUBRO, ÁS 20,00 HORAS, NO AUDITORIO MUNICIPAL
O grupo DEBULLA ESCÉNIKA porá en escea a obra PERVERSÓNS.

-SÁBADO, 21 DE OUTUBRO, ÁS 20,00 HORAS, NO AUDITORIO MUNICIPAL
O grupo NOSTRUM CAI porá en escea a obra ALBA. A CASA PECHADA.

-SÁBADO, 28 DE OUTUBRO, ÁS 20,00 HORAS, NO AUDITORIO MUNICIPAL
O grupo FANTOCHES BAJ porá en escea a obra AS POMBAS DO CARBOEIRO, coa participación da Banda de Música de Vilalba.

-VENRES, 3 DE NOVEMBRO, ÁS 20,00 HORAS, NO AUDITORIO MUNICIPAL
O grupo ESCOLA MUNICIPAL DE TEATRO DE VILALBA porá en escea a obra VODAS DE SANGUE

A entrada a todas as funcións será libre e gratuíta.

27 anos sen Díaz Castro

Redacción.-

O pasado luns cumpríanse 27 anos do pasamento de Díaz Castro, polo que a asociación Xermolos de Guitiriz convocou un recital de poesía ao pé do seu panteón, ás 16 horas e ás 19,30 un acto en A Coruña no Forum Metropolitano organizado pola Asociación de Veciños OZA da Gaiteira-Os Castros dentro do “Cine de barrio” co patrocinio do Concello de A Coruña, no que se presentou o Proxecto “Salvemos a casa de Díaz Castro” coa intervención de Alfonso Blanco de Xermolos e Antón de Guizan da Lareira dos soños dos Vilares. O coloquio estivo acompañado da visualización da curta “A chave de Bascuas” de Bruno Pena e os spots que este realizador creou para a campaña da Casa de Díaz Castro.

O 19 de outubro dentro deste proxecto trasladarase a exposición de pintura de Anxo Lamas desde a Biblioteca Pública Miguel González Gracés desta cidade á Asociación Alexandre Bóveda onde vai intervir o creador Anxo Lamas.

Xa en Lugo segue adiante a presentación do proxecto “Salvemos a casa de Díaz Castro”, o día 12, na Feira Medieval grazas á colaboración da Asociación “Bolboreta Fiandeira” e na semana seguinte na Asociación Madia Leva.

6 de out. de 2017