Arquitecturas debuxadas

Redacción.-

O Instituto de Estudos Chairegos organiza o vindeiro venres, día 27 de outubro de 2017, ás 20:30 horas, na Casa da Cultura de Vilalba, a presentación do libro ARQUITECTURAS DEBU-XADAS, de SANTIAGO CATALÁN. No acto, ademais do autor do libro, intervirán MANUEL BRAGADO, director de Edicións Xerais de Galicia, entidade editora da publicación, MANUEL ROCA CENDÁN, profesor e vogal da Xunta Directiva do Iescha, e MARISA BARREIRO MEJUTO, mestra e presidenta do Iescha.

O arquitecto Santiago Catalán ofrece neste libro un itinerario visual inédito sobre a cidade de Lugo. Arquitecturas debuxadas polo autor con asombrosa fidelidade a algúns dos espazos e das edificacións emblemáticas da cidade bimilenaria, como a catedral, a casa do Concello, a praza do campo e a muralla. Unha obra que, ademais, homenaxea a Juan Álvarez de Mendoza, Luis Bellido, Nemesio Cobreros, Eloy Maquieira ou Alfredo Vara, arquitectos que deseñaron a cidade e renovaron o seu urbanismo no último século. En palabras de Paco Martín, “Santiago Catalán, nesta obra, que non dubido en cualificar de substancial para o coñecemento da nosa cidade, descorre coa mao sensible do artista a cortina que gardaba da nosa vista moito diso que cada día miramos pero que non sempre vemos”. “Arquitecturas debuxadas vén achaiar o camiño do viaxeiro interesado despechándolle portas á curiosidade intelixente, a encher de arte e coñecemento ese espazo que o costume e a rutina foron baleirando na sabenza dos lugueses”. Un libro que Santiago Jaureguizar cualifica como “celebración das porcións de Lugo, ‘que adscribe’ á Cidade Eterna”, engadindo que “o vademécum de Catalán é o inventario que o noso sandador nos lega para indicarnos a arquitectura luguesa que debemos preservar”.

SANTIAGO CATALÁN
Santiago Catalán (Madrid 1954) é arquitecto, debuxante e pintor. Desde a súa titulación na Escuela de Arquitectura de Madrid, en 1978, compaxinou a súa faceta profesional (con proxectos de edificios públicos, restauración de monumentos, interiorismo e deseño gráfico) cunha intensa dedicación ao debuxo e ao mundo da arte en xeral, sendo fundador e socio da Galería Bacabú de 1998 a 2001 en Lugo, o seu lugar de residencia desde 1980.

26/10/2017

0 comentários :

Danos a túa opinión