As bibliotecas

David Otero.-

Poñen o seu día no vintecatro deste mes, martes, pero a grande palabra biblioteca debe , no valer dos desexos, dicirse e vivirse todo o ano conxugando o verbo ler, aínda que na data antedita do vintecatro lle deamos acariñadamente un intensivo acento.A nosa forza de lectoras e de lectores vai na suma dos días dos anos nos que nas bibliotecas ( e noutros espazos) exerzamos activamente lectura. Días dos anos os cales han reflictir en nós, nas nosas actitudes e conductas, as verdades emocionais desas experiencias lectoras., pois a lectura nunca perdeu a súa maxia, o seu misterio, pero tampouco o seu dramatismo, a súa vértice que nos envolve para que vexamos que neste mundo hai outros. Nela hai memoria e xa que logo amor e tamén cabreo e xenreira, incomodidade ( non lle direi odio pero…) Iso si…pola lectura non debésemos parar quietos. Menudo fervedoiro.Pola lectura nós non somos receptores pasivos de tantos mundos que nos posibilitan os libros e outros soportes. Pola súa mediación, tamén polas autoras e os autores, estamos creando de seguido, pois facemos lectura co que somos e co que temos.

As bibliotecas non deben ser lugares de quietude, nin de silencio. Serán espazos de nos atopar, de discrepar ou de chegar a acordos ilusionantes, pois nada debemos illar dos sentimentos. Serán lugares de lectoras e de lectores que permiten tempos de tactos e de contactos cos soportes de lectura, asemade que cos nosos pareceres e estimas, poñendo a rular experiencias e proxectos con traxectos, cos pés na terra e coas cabesiñas a brincar cos sentimentos nas tantas músicas das emocións, das fantasías e das imaxinacións, Todo así ben cheo de horas cargadísimas de contidos marabillosos nos que facer lecturas de moitos tipos, pero en especial lecturas creativas, vivas e activadas a toda marcha e enerxías ( pois témolas e non poucas) e sempre nos abrazos sentidos e de cantidades volumétricas da nosa lingua e da nosa cultura ( como fundamentais conexións valedoras e eficaces para entender o mundo).

Velaí as bibliotecas , coas súas bibliotecarias e cos seus bibliotecarios, como nos ofertan oportunidades ( pasen sen chamar) para compartir mornuras cos soportes de lecturas, lendo, comunicando, xunto coas lectoras e cos lectores ( e cos que non o son, que tamén teñen importancia, pois han saber que as portas das bibliotecas están tamén abertas para elas e para eles, si, para entrar, para quedárense ou para írense).Nestes espazos de lecturas( non únicos) todas e todos sentiremos o latexar dos grandes corazóns das bibliotecas, pois a forza delas será o resultado da suma plural dos nosos. A dos nosos corazóns de lectoras e de lectores. Pasen e nótenno. Feliz día ( lendo, claro).

24/10/2017

0 comentários :

Danos a túa opinión