Conferencia de David Barro

Redacción.-

Este mércores 13 de decembro ás 20.00 horas a Aula 10 da Facultade de Xeografía e Historia da USC acolle a última conferencia do ano do ciclo Galicia. Un século de creación organizado pola Fundación DIDAC có apoio da Área de Cultura da Deputación da Coruña.

O encargado de impartila será o Director Xerente da Fundación DIDAC, codirector de DARDO e comisario de exposicións David Barro. A conferencia leva por título Luis Seoane. Unha cabeza nunca é unha. Nela David Barro revisará a figura dun autor complexo e diverso, analizando o seu carácter polifacético e contextualizándoo con outras figuras internacionais do seu tempo. Creador de vocación universal e intelectual comprometido, Seoane foi editor, pintor, debuxante, ilustrador, gravador, muralista, deseñador gráfico, cartelista, deseñador industrial, escenógrafo teatral, poeta, narrador, guionista, ensaísta, comunicador en prensa escrita e radiofónica, crítico teórico das artes, emprendedor e moitas outras cousas, o que leva a David Barro a situalo como o primeiro artista contemporáneo da historia de Galicia.

Con esta conferencia o ciclo pecha a súa programación ata xaneiro do 2018 momento no que continuará a análise da Historia da Arte galega nas últimas décadas. A entrada á conferencia é de balde ata completar aforo.

O ciclo de conferencias Galicia. Un século de creación conta có apoio da Área de Cultura da Deputación da Coruña e coa colaboración de outras institucións da provincia como a Facultade de Xeografía e Historia da Universidade de Santiago de Compostela, o Auditorio de Galicia, ou o Centro Torrente Ballester de Ferrol. Cun total de 32 conferencias, o ciclo percorre o ámbito da creación en Galicia durante o século XX e ata os nosos días, coa intención de axudar a botar luz sobre a creación en Galicia na nosa historia recente.

O ciclo de conferencias Galicia. Un século de creación. 1916-2016 serviu xa para reflexionar sobre a chegada da modernidade a Galicia e sobre o ocorrido co exilio dos artistas galegos coa axuda de profesionais como Pepe Barro, Fernando Agrasar, Carmela Montero, Carlos Bernárdez, Rosario Sarmiento ou Vitor Vaqueiro.
David Barro (Ferrol, 1974) é codirector de DARDO e comisario de exposicións. Dende 2017 é director xerente da Fundación DIDAC (DARDO Instituto do Deseño e das Artes Contemporáneas) e dende 2015 profesor do Máster en Estudos avanzados da Universidade de Salamanca. Anteriormente desempeñou, entre outras, as seguintes funcións: Fundador e director da revista DARDOmagazine (2006-2014). Director xerente da Fundación Luis Seoane (2014-2016). Asesor da Fundación Barrié e responsable da súa colección de pintura contemporánea (2008-2013). Barro exerceu a crítica de arte en El Cultural (2003-2005), a revista Lápiz (2000-2004) e como director da revista portuguesa [W]art (2003-2005) ou da española Arte y Parte (1998-1999). Tamén foi o director artístico de A Chocolataría en Santiago de Compostela (2005) e director artístico da feira de arte contemporáneo en Vigo Espacio Atlántico (2010). Director e presentador do programa de televisión Botella al Mar de V Televisión (2005). Como docente foi profesor da UCP de Oporto (2001-2006) e do Máster en Gestión Cultural da Universidade Carlos III de Madrid (2015-2017), entre outros. Como comisario de exposicións realizou máis de cincuenta mostras individuais de autores como Jessica Stockholder, Axel Hütte, Alex Katz, Günther Förg, Julião Sarmento, Julian Opie, Sandra Cinto, Caio Reisewitz, José Pedro Croft, Berta Cáccamo e máis de cincuenta mostras colectivas. En 2010 exerceu de director artístico do proxecto de arte, arquitectura e deseño Look Up! Natural Porto Art Show que ocupou nove edificios emblemáticos da cidade de Oporto e en 2011 do Festival Internacional de Acción Artística Sostenible SOS 4.8 de Murcia. Membro fundador das dúas primeiras xuntas directivas do IAC (Instituto de Arte Contemporáneo), actualmente é membro da xunta directiva de ADACE (Asociación de Directores de Arte Contemporáneo en España).


11/12/2017

0 comentários :

Danos a túa opinión