Rosalía sempre viva

Redacción.-

A Casa-Museo Manuel María vén de convocar a IV edición do Concurso de recitado poético “Rosalía sempre viva”e a II edición do Concurso de videopoemas sobre composicións poéticas de Rosalía e Manuel María, que celebrarán a súa fase final o 10 de marzo e o 19 de maio de 2018, respectivamente.

O primeiro dos certames, “Rosalía sempre viva”, está dirixido a todo o alumnado galego de ensino non universitario, desde Primaria a Bacharelato, e está centrado no recitado de versos da obra en galego de Rosalía ou da ampla produción poética de Manuel María. O obxectivo do concurso é potenciar a expresión oral e a creatividade do alumnado a través do coñecemento e o recitado da poesía de dúas das voces máis importantes e populares da nosa literatura (achéganse as bases e ligazón á web da CAsa-Museo onde se poden ver os traballos gañadores da pasada ediciónhttp://www.casamuseomanuelmaria.gal/actividades/a-poesia-de-rosalia-e-de-manuel-maria-festexada-este-sabado-no-certame-de-recitado-rosalia-sempre-viva.htm?paxina=1&tipo=ACTIVIDADE#lapelas ).

Na pasada edición, máis dun centenar de rapazas e rapaces procedentes de toda a xeografía galega participaron na fase final de Outeiro de Rei após pasaren unha fase previa desenvolvida nos centros educativos inscritos previamente no concurso.

Concurso de videopoemas

A Casa-Museo convoca, así mesmo, a II edición do certame de videopoemas sobre composicións poéticas de Rosalía e Manuel María despois do éxito obtido o pasado ano con máis de setenta vídeos presentados por mozas e mozos de distintos centros educativos da Galiza. O concurso dirixido ao alumnado galego non universitario que curse a ESO, Bacharelato, Ciclos Formativos e Ensinanzas Artísticas ten por finalidade a potenciación da creatividade artística, a través da conxunción da palabra, o son e a imaxe, e o coñecemento e difusión da obra destes vultos da literatura galega (achéganse as bases e a ligazón da web da Casa-Museo para ver os vídeos gañadores da pasada ediciónhttp://www.casamuseomanuelmaria.gal/actividades/videopoemas-finalistas-da-primeira-edicion-do-concurso-de-videopoemas-sobre-composicions-poeticas-de-rosalia-e-manuel-maria.htm?paxina=2&tipo=DIARIO).


Máis información:
Alberte Ansede, secretario da Fundación Manuel María (616 190 349)

15/12/2017

0 comentários :

Danos a túa opinión