'Retrincos' na Casa Museo de Manuel María

Redacción.-

A Casa-Museo Manuel María programa para mañá, sábado, ás 20 hrsRetrincos de Castelao, unha peza, escrita e dirixida por Diego Rey e protagonizada por Isabel Risco e Fran Rei.

A obra é un achegamento ao humor na obra de Castelao. Cinco historias dramatizadas que percorren algúns dos seus debuxos e textos,aproximando ao público a súa enxeñosa e fascinante forma de ver a Galiza do seu tempo e mostrando un mosaico dunha realidade galega atemporal, que nos antecede e nos outorga raíces. A través dun ollo de vidro que dá nova forma á realidade,as espectadoras poderán quen de presenciar a vida das mulleres e homes que habitaron o país e de comprender a súa historia e o seu presente.

prezo do billete para asistir á representación é de 5 euros. Podefacerse a reserva anticipada encontacto@casamuseomanuelmaria.gal ou chamando ao tel. 698177621. A obra vai dirixida un público maior de 12 anos. 

27 de feb. de 2018

Día de Rosalía de Castro



Redacción.-

O 24 de Febreiro, Dia de Rosalia de Castro, Culturalia GZ, NPG Nova Poesía Guitirica, e a Liga Santaballesa organizan dentro dos eventos que a Asociación de Escritores en Língua Galega AELG promove por toda Galiza, un recital poético feminino no que ademáis das coñecidas poetas

-Pilar Maseda (Vilalba).
-Emilia Mtnez. Fuentes (Vilalba).
-Luz Airado (Vilalba).
-Luz Darriba (Lugo).
-Montse González (Lugo/Verso a Verso).
-Silvia Pardo (As Pontes).
-Maria Pereira (Betanzos).
-Adolfina Mesa (Monterroso).
-Ana Vila Portomeñe (Taboada).
-Mar Beres (NPG Nova Poesía Guitirica).
-Maria Xosé Lamas (Vilalba).
-Ana Mar Fraga Rabade (Cospeito).
-Branca Villar (Labrada).
-Asun Blanco (As Pontes),

e a presentadora do acto, Pas Veres (Os Vilares), dúas rapazas de Santaballa darán lectura ao Manifesto #AbrideAFiestra, que compuxo a escritora María Reimondez, primeira gañadora do Prémio Agustín Fernández Paz.

O público asistente poderá tamén participar coa lectura de poemas de Rosalía e para o remate do acto, o acordeonista de Lanzós, Manuel Figueira, pechará o acto coa inteerpretación de pezas coñecidas e habaneiras moi acaidas ao espazo no que se celebra, a Escola indiana da Liga Santaballesa.

Santaballa será a protagonista da homenaxe chairega a Rosalia de Castro o próximo sábado nun lugar, a escola habaneira que simboliza a vinculación da poeta de Padrón coa emigración a través de tantos e tantos recoñecidos versos. Emigración e Muller serán pois parte central dun acto que terá tamén no rural o centro poético da Terra Chá.

http://axendaaelg.blogaliza.org/2018/02/16/dia-de-rosalia-de-castro-2018/

22 de feb. de 2018

Presentación da Galeguía de Manuel Miragaia

Redacción.-

O Instituto de Estudos Chairegos organiza, en colaboración con CHIADO BOOKS, a presentación do libro “GALEGUÍA” de MANUEL MIRAGAIA, o próximo venres, día 16 de febreiro de 2018, ás 20:30 horas, na Casa da Cultura de Vilalba.
Intervirán no acto o propio autor do libro, MANUEL MIRAGAIA, é o poeta chairego MARTIÑO MASEDA.
GALEGUIA é un libro poético para coñecer as relacións históricas entre Galicia e Portugal, as oríxenes de Galicia e de Portugal e as ideas do Galeguismo.
Trata sobre os mitos fundamentais de Galicia. Resume o fundamental do galeguismo, dende os seus inicios e ofrece unha utopía galeguista.

Manuel Miragaia Doldán, nado na Coruña o 17 de xullo de 1958, é un escritor galego, Licenciado en Filosofía pura pola Universidade de Santiago de Compostela e diplomado en Maxisterio por Ciencias Sociais, é especialista en lingua galega e diplomado en galego pola Escola Oficial de Idiomas da Coruña. Na actualidade, traballa como profesor no IES Cruceiro Baleares, en Culleredo. Realizou diversos traballos de investigación e innovación educativa, impartiu cursos e actuou en diversas ocasións como conferenciante e en recitais de poesía.
Desde 1976 escribe habitualmente en diversos medios de comunicación: El Ideal
Gallego, El Correo Gallego, A Nosa Terra, Man Común e fundamentalmente en La Voz de Galicia. Tamén escribiu semanalmente no xornal Galicia Hoxe.
OUTRAS PUBLICACIÓNS
• Xénese e apocalipse, 1981, Edicións do Castro.
• Manual para escritores e outras sátiras, 1997, Toxosoutos. • A Coruña á luz das letras, 2008, Trifolium.

14 de feb. de 2018

Persoas Refuxiadas ConCiencia

Redacción.-

A xornada Persoas Refuxiadas ConCiencia nace como punto de encontro para reflexionar desde o contexto científico sobre os movementos de persoas refuxiadas. Dende a Sección de Ciencia, Natureza e Sociedade queremos salientar o potencial do coñecemento das persoas que se moven. Isto supón unha perda de talento das rexións das que saen e un incremento deste nas rexións ás que chegan, se estas lles brindan as oportunidades necesarias para desenvolver os seus talentos.

Trataremos de identificar histórica e socialmente estes movementos con relatorios de persoas expertas no exilio científico español e galego. Dentro desta perspectiva histórica, analizamos nomeadamente as leccións aprendidas e por aprender do antisemitismo.

Para evidenciar a perda de valores que se silencia desde o esquecemento contaremos con documentais que seguiron estas persoas nos movementos recentes, co obxectivo de facer presente a realidade actual.

Queremos poñer a énfase nas persoas xeradoras de ciencia para as que a condición de refuxiadas nun momento da súa traxectoria vital puido ou pode lastrar o desenvolvemento do seu talento científico. Para compartir estas realidades contamos cun investigador sénior e varios estudantes e investigadores en formación da USC que están a desenvolver as súas carreiras na actualidade e que compartirán vivencias persoais e científicas.

Finalmente, coas lentes da ciencia, analizarase na xenética a importancia da diversidade e a contribución das migracións a esta.

Imaxe: Gabriel Tizón

Música Galega ao Vivo en Compostela

Redacción.-

Santiago de Compostela é unha das 14 localidades galegas que contan con salas asociadas á Rede Galega de Música ao Vivo, dentro da que a capital galega acolle 18 concertos ata o mes de maio. Entre eles, o directo que a Bakin Blues Band ofrecerá mañá, ás 22,00 h., na Borriquita de Belém, local que programará nove destes directos.
Do circuíto da Xunta de Galicia tamén forman parte Moon Music Club, con seis actuacións neste primeira carteleira de 2018, e Casa das Crechas, con tres, así como a Sala Capitol, que programará os seus concertos de rede na segunda metade do ano.
Estes locais composteláns son catro dos 23 seleccionados para a nova etapa da Rede Galega de Teatros e Auditorios, circuíto xestionado pola Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) co fin de contribuír á estabilidade na programación de música en directo en salas privadas, con especial atención aos grupos e artistas galegos.


Cartel 100% galego

De feito, todas as formacións que actuarán en Santiago durante esta primeira metade de 2018 son galegas e dan conta, ao tempo, dun amplo abano de xéneros musicais que van do pop e rock ao jazz, rap, folk ou mesmo flamenco. Na Borriquita de Belém, ademais da devandita Bakin Blues Band e de Factoría de Subsistencia (que tocou o pasado día 30), presentaranse Nani García Trío (27 febreiro), Los Fantásticos del Morrazo (8 marzo), Alberto Vilas Quartet (13 marzo), Silvia Penide (7 abril), David Regueiro Trio ft. Albert Bello (28 abril), Mad Martin Trío (3 maio) e Juyma Estévez Trío (15 maio).
Pola súa banda, a Moon Music Club programará en rede a The Fabulous Resaca Brothers (24 febreiro), Presumido (9 marzo), Kelibén (24 marzo), Victor Aneiros (6 abril), Dakidarría (20 abril) e Los Fantásticos del Morrazo (5 maio). Na Casa das Crechas tivo lugar o pasado día 25 o concerto de Tato Trío, mentres que Aldaolado actuará o 22 de marzo e Mónica de Nut o 29 de marzo.
Tras un proceso de renovación consensuado coas principais asociacións do sector, a Xunta promoveu o inicio en 2018 dunha nova xeira da Rede Galega de Música ao Vivo co obxectivo de reforzar os seus estándares de profesionalidade e calidade. Con tal fin, a Agadic aumentou o seu investimento anual nela ata os 185.000 euros, un 105% máis que en 2017.
Esta cifra supón, ademais, o 85% do orzamento para a contratación dos grupos que actúen este ano, xa que o 15% restante lles corresponde ás 23 salas seleccionadas tras unha convocatoria pública de admisión que se resolveu a finais do ano pasado. Neste primeiro semestre de 2018, serán 48 as bandas protagonistas dos 145 concertos previstos en toda Galicia dentro deste circuíto.
A súa programación completa pode consultarse en www.agadic.gal/Axenda e en www.cultura.gal/gl/axenda.

12 de feb. de 2018

Finalistas dos Mestre Mateo 2018

Redacción.-

O secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, e mais o director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil, acompañaron hoxe a directiva da Academia Galega do Audiovisual (AGA) no acto de comunicación de finalistas que concorren aos XVI Premios Mestre Mateo. Estes galardóns, que serán entregados nunha gala que terá lugar o vindeiro 3 de marzo no Pazo da Ópera da Coruña, contan para a súa celebración co apoio da Xunta de Galicia a través dun convenio de colaboración.
O filme Dhogs, de Andres Goteira, producido cunha subvención da Agadic á promoción do talento audiovisual galego, suma 17 candidaturas en 14 categorías das 25 convocadas, polo que resultou ser o traballo máis votado entre os 158 títulos presentados. A estación violenta, con oito candidaturas; O final do camiño e Os fillos do sol, con sete cada unha; Serramoura, con seis; e Juana de Vega, vizcondesa do arado e máis Trinta lumes, cada unha con cinco, son outras das fitas que obtiveron maior apoio nesta primeira fase de votacións por parte dos membros da AGA.

11 de feb. de 2018

Clube de Lectura "Manuel María"

Redacción.-

A Casa-Museo Manuel María non só ten a encomenda de gardar e mostrar debidamente o importantísimo legado do escritor chairego, mais tamén a de levar a cabo todo tipo de actividades que lle dean continuidade ao incansábel labor de dinamización cultural que o poeta levou a cabo durante toda a súa vida.

É por iso que neste ano 2018 queremos que o Clube de Lectura da Casa-Museo Manuel María inicie a súa actividade.

As persoas interesadas en participaren (ou en teren máis información ao respecto), han de enviar un correo ao enderezo contacto@casamuseomanuelmaria.gal indicando o seu nome e mais un e-mail de contacto.

Terase en conta a orde de inscrición se o número de solicitudes for superior ao de participantes.

No venres 16 de febreiro, ás 19 h, terá lugar unha xuntanza de presentación na Casa-Museo (Outeiro de Rei, ao lado do concello), onde se desenvolverán habitualmente as sesións de comentario das obras. Nesta primeira xuntanza serán concretados algúns aspectos do funcionamento desta proposta lectora.

10 de feb. de 2018

Que doce era a miña vila!

Paulo Naseiro.-

How green was my valley é para moitos, entre os que me inclúo, un dos mellores films da historia. John Ford adapta maxistralmente a novela de Richard Llewvellyn que narra a idealizada infancia dun Huw Morgan, interpretado cunha marabillosa perplexidade por Roddy McDowall, na pequena localidade galesa de Cwm Rondda, presidida por unha omnipresente mina de carbón que goberna, para ben e para mal, a sinxela vida do pobo.

Os primeiros minutos do filme evocan con morriña e lirismo a vida dunha numerosa familia galesa, un auténtico clan que representa a todos os habitantes do pobo, un grupo relixioso, patriarcal, orgulloso, vitalista, compoñendo un retrato costumista con imaxes como a dos fillos chegando da mina cantando e deixándolle á nai o diñeiro gañado no duro traballo para que ela administre a casa.

Unhas poucas desas moedas gañadas arrincando negro carbón son para o pequeño Huw. Con elas, “ía directamente á tenda da señora Tossel, onde mercaba uns caramelos que duraban horas, ou iso me parece agora. E aínda despois de que desapareceran, se tragaba saliva, seguía a conservar o sabor. Aínda agora o noto despois de tantos anos, e lémbrame todas as cousas boas que xa desapareceron”.

Venme á memoria esta escena ao saber polas redes sociais do falecemento de Mª. Josefa Quintela, Pepita, que rexentou durante anos unha popular tenda de golechadas, e que ven coincidir no tempo co peche doutra mítica tenda vilalbesa, Lambuxos. Se, como dixo Rilke, a verdadeira patria do home é a infancia, para a inmensa maioría dos vilalbeses que vagamos polo mundo a labor da Pepita, da Columba ou de Lambuxes era o equivalente á dun ministerio, o ministerio das gominolas, das pipas, dos vasos de cinco e de dez, das palmeritas de chocolate, das fragolosinas, dos chupas e, en fin, de todo canto acompañou as longas tardes de xogos nas rúas e prazas vilalbesas, de dolce far niente infantil e adolescente en torno aos castiñeiros de indias da Alameda ou nos cinseiros do Cementón. Doces lembranzas que compartimos todos os que fomos nenos naquela Arcadia feliz e que, o mesmo que a Huw, nos lembran todas as cousas boas que xa desapareceron.

A evocación infantil de Huw Morgan vai, paseniñamente, incorporando outros elementos menos líricos. Os recortes salariais, o desemprego e a consecuente emigración que parte en pedazos á idílica familia Morgan, o amor imposible entre a súa irmá Angharad –a belísima Maureen O´Hara- e o predicador, Mr. Gruffydd, salpicada coas murmuracións das veciñas, e a escoura negra que vai invadindo o antano verde val, metáfora da desintegración dunha sociedade que culmina coa morte, na mina e nos brazos do mozo Huw, do patriarca Gwilym Morgan.

Inevitablemente, a nosa lembranza ten que transitar tamén desde o doce ao amargo, a través do desemprego ou a precariedade laboral, da falta de oportunidades, das drogas que arruinaron a vida de tantos, da obrigada emigración e do omnipresente caciquismo que, como escoura negra, foi afogando pouco a pouco o pasado, o presente e, se ninguén o remedia, o futuro.

Se cadra por iso é maior o noso agradecemento a aquelas persoas que, como Pepita ou como Pili de Lambuxos, forman parte dos nosos recordos máis doces e nos lembran todas as cousas boas que desapareceron.

Décima a Xaquín Marín


A XAQUÍN MARÍN QUE, A DIARIO, ENRIQUECE LA VOZ
DE GALICIA CO SEU XORNE CREADOR


"Amarrado ó duro banco"
que é La Voz de Galicia:
para nós unha ledicia,
pra ti esforzo vivo e franco:
Non podes quedar en branco
no teu xorne creador,
hai que crear, ¡si señor!
E o bo do teu Isolino,
atinado decontino,
dóanos o seu humor.


Xoán Xosé Fernández Abella

Os Tilos, xaneiro 2018

4 de feb. de 2018

Día dos medios en galego

Redacción.- A Asociación de Medios en Galego reivindicou onte en Fene a presenza do noso idioma na prensa durante a conmemoración do aniversario de 'O Tío Marcos d´A Portela', a primeira cabeceira de masas publicada en galego.

Valentín Lamas Carvajal foi o impulsor daquel xornal que se editou de forma intermitente entre os anos 1876 e 1919. Ao acto asistiron o director xeral de Política Linguística da Xunta, Valentín García, e parlamentarios de todas as forzas políticas con representación no hemiciclo galego.

A Asociación de Medios en Galego naceu hai cinco anos co obxectivo de consolidar un espazo de comunicación na nosa lingua. Actualmente está integrada por unha ducia de medios, entre eles A Voz de Vilalba. Máis información en www.mediosengalego.gal

Inauguración da mostra Con-secuencias

Redacción.- A mostra Con-secuencias. Colección DKV, será inaugurada o vindeiro martes 6 de febreiro ás 19 horas na sede da Fundación DIDAC (Pérez Constanti 12 - Compostela) e está coproducida por esta entidade e por DKV Seguros, coa colaboración da Fundación Eugenio Granell e a Universidade de Santiago de Compostela.

A exposición, de gran formato, reúne a un total de corenta artistas seleccionados polos comisarios David Barro e Alicia Ventura, e se poderá ver nas tres sedes situadas a escasos metros, nunha estratexia conxunta de dinamización cultural. Unha vez inaugurada, farase unha visita guiada pola Igrexa da Universidade para rematar o percorrido expositivo na Fundación Eugenio Granell, onde se servirá un viño.


Relación de artistas: José Ramón Amondarain, Rosana Antolí, Antonio Ballester Moreno, Ana Barriga, Sergio Belinchón, David Bestué, Vicente Blanco, Manuel Blázquez, Jacobo Castellano, Diego Delas, Miren Doiz, Manuel Eirís, Christian García Bello, Santiago Giralda, Laura González Cabrera, José Guerrero, Rubén Guerrero, Fernando Gutiérrez, Carlos Irijalba, Miki Leal, Almudena Lobera, Anna Malagrida, Álex Marco, Nacho Martín Silva, Rosell Meseguer, Guillermo Mora, Nico Munuera, Carme Nogueira, Juan Olivares, José Miguel Pereñíguez, Jorge Perianes, Aleix Plademunt, Samuel Salcedo, Amparo Sard, Teresa Solar, Miguel Ángel Tornero, Daniel Verbis, Nelo Vinuesa, Santiago Ydáñez, Juan Zamora.

3 de feb. de 2018