Champivil-Castelo premio Son Muller 2018

Redacción.-

A empresa chairega Champivil-Castelo, especializada en conservas vexetais de produtos naturais de Galicia, residiu o primeiro premio Son Muller 2018 na categoría de empresa rural. O galardón foi entregado en Lugo coincidindo co 8 de marzo, Día Internacional da Muller.

A primeira edición deste premio, que está organizado pola Asociación de Empresarias de Lugo en colaboración co Concello, a Deputación Provincial, a Xunta de Galicia e Abanca, recoñece o papel fundamental da muller dentro de Champivil e a contribución desta empresa ao desenvolvemento rural na provincia de Lugo.

A xerente de Champivil, Luz Divina Castelo, foi a encargada de recibir este galardón, ao que concurrían destacadas empresas de distintos ámbitos dirixidas por mulleres, no transcurso dunha gala celebrada nun edificio cargado de simbolismo, o Vello Cárcere do Partido Xudicial, reconvertido agora a centro social.

Luz Divina Castelo lembrou que "as mulleres foron desde sempre o motor do medio rural galego" e destacou que "son peza fundamental hoxe en día en Champivil, unha empresa familiar onde a maioría das traballadoras son mulleres".

Unha muller pioneira
A xerente de Champivil lembrou a súa avoa, Divina Campello, pioneira en Galicia na compra-venda de setas silvestres aló polo ano 1949 na tenda taberna que tiña na aldea vilalbesa de Distriz.

Seguindo a tradición, o seu pai Andrés Castelo fundaba xunto a súa nai Mari Luz en 1977 unha empresa de exportación de produtos silvestres e comezaba a buscar novos mercados dentro e fóra de Galicia logrando entrar nos mellores mercados europeos (Italia, Suíza, Francia) e abastecer con cogumelos galegos ás principais zonas consumidoras deste produto dentro de España (Comunidade Valenciana, País Vasco e Cataluña).

No ano 1982 nunha nave pegada á casa familiar, na parroquia de San Xián de Mourence, a empresa creaba unha pequena zona de fabricación de conserva e comezaba a envasar para marcas francesas.

Pero é no ano 2001 coa incorporación de Luz Divina á empresa familiar cando se produce a gran revolución de Champivil, ao crear unha marca propia (Castelo) coa que etiquetar e distribuír as súas conservas, que pouco a pouco foron ampliando a gama de produtos até abarcar na actualidade unha importante variedade: cogumelos, grelos, verzas, marmeladas, preparados para tortilla, arroz con setas, crema de grelos, licores de setas e cervexa artesá.

Produtos de tempada
A xerente de Champivil explica que a filosofía da empresa é "poñer en valor os produtos naturais de Galicia primando a calidade e traballando con produtos de tempada". A empresa vilalbesa, que dá traballo, dependendo da época do ano, até a 9 persoas, a maioría mulleres, elabora os seus produtos nunha nave de 800 metros cadrados situada en plena zona rural ás aforas de Vilalba.

Champivil traballa por campañas, cada unha no seu tempo (setas no outono, grelos no inverno, estrugas e árnica na primavera e marmeladas no verán) e e atópase neste momento de cheo coa campaña dos grelos, que prepara en distintas elaboracións, dado que outra das claves da empresa é non deixar de innovar aportando ao consumidor novos produtos.

Champivil foi pioneira, no ano 2002 en elaborar e vender grelos en conserva, produto do que na actualidade a empresa chairega elabora unhas 200.000 latas ao ano cocido e envasado ao natural. Champivil tamén fai crema de grelos, caldo, preparado de tortilla de patacas con crelos e mesmo licor e cervexa de grelos.

Numerosos premios e recoñecimentos nos últimos anos
A empresa vilalbesa foi recoñecida nos últimos anos con numerosos galardóns pola súa innovación e a calidade dos seus produtos. Entre eles, destacan o premio Joven Empresario de Galicia no ano 2011, o premio Aresa de desenvolvemento rural no ano 2012, a mención de honra no III premio Xoven Empresario de Lugo 2011, o segundo premio de Alimentación Salimat 2002 da Semana Verde de Silleda polos grelos en conserva ou o Taste Award 2010 outorgado en Bruxelas o boletus edulis en aceite de oliva e o logrado dous anos despois para os grelos en conserva.

11 de mar. de 2018

0 comentários :

Danos a túa opinión