Exenta en Didac

Redacción.-

Exenta é o equipamento para acubillo de creativos que Cenlitrosmetrocadrado pensou para cuarto pexigo. Trátase dunha familia de mobiliario polivalente, capaz de resolver cun mínimo número de elementos, necesidades propias dun ámbito máis doméstico, así como outras relativas ao traballo. O feito de estar integrada por pezas exentas facilita a distribución no espazo con independencia da súa forma, que xunto coa posibilidade de poderse desmontar e pregar para o transporte e almacenamento, fai de exenta unha solución moi versátil.

A Fundación DIDAC reforza así o seu compromiso co deseño galego, en correspondencia co seu obxectivo de fomentar e poñer en valor o sector do deseño para a súa definitiva integración como parte indisociable da estratexia empresarial.

O cuarto pexigo é un espazo baleiro, no parque de Belvís, dispoñible para enchelo de cousas ou momentos. Un escenario nú. Un contenedor de historias. Un espazo versátil, efémero, mutante...En construción permanente. www.cuartopexigo.com

Cenlitrosmetrocadrado é un estudo de deseño e comunicación que se constitúe coa intención de ofrecer un deseño de clara orientación humanista, que vaia máis alá da simple función práctica e que atenda tamén funcións de carácter emocional e social. Cunha identidade de marcado carácter atlántico desenvolve proxectos que van desde o gráfico, produto, espazos, ata a coordinación de equipas de traballo en ámbitos creativos.
cenlitrosmetrocadrado.com

Inauguración: o pasado mércores 18 de Abril. 20.00 horas.
Clausura da exposición: luns 30 de Abril. 19.30 horas. Cunha conversa entre Cenlitrosmetrocadrado, Iago Pazos e David Barro. 
Lugar: Fundación DIDAC. Pérez Costanti 12. 15702. Santiago de Compostela 
www.didac.gal


21/04/2018

0 comentários :

Danos a túa opinión