Presentación dun libro sobre Díaz Castro

Redacción. -

O Instituto de Estudos Chairegos organiza o vindeiro venres, 25 de maio, ás 20:30 horas, na Casa da Cultura de  Vilalba, o acto de presentación do libro de Emilio Xosé Ínsua López “Díaz Castro: poeta en formación (1914-1990)”, editado por Laiovento. Intervirán Emilio Xosé Ínsua López, Manuel Castro Santamariña e Marisa Barreiro Mejuto. Colabora o Concello de Vilalba.

(…) Xosé María Díaz Castro amosou os seus primeiros poemas en galego en El Progreso Villalbés. No tempo previo á Guerra do 36 escribiu dous cadernos de versos que ficaron inéditos. Chamado a filas polo bando nacional, pasou a maior parte do conflito nos servizos sanitarios. En 1939 reingresou no Seminario. O profesor Emilio Xosé Ínsua (Viveiro, 1967), que na actualidade exerce nun instituto en Vilagarcía de Arousa, relata no seu libro a época e as influencias que conformaron a poesía de Díaz Castro, e revela o seu forte conservadurismo católico. O poeta de Penélope, emblemática composición de posguerra, morreu en Lugo en 1990. En 2014, a Real Academia Galega dedicoulle o Día das Letras. (sermosgaliza.org)

Sobre a figura do poeta Xosé Mª Díaz Castro (1914-1990), celebrada con todo dereito no Día Das Letras Galegas de 2014, cumpría explicar de xeito máis apurado e contrastivo algúns instantes e perfís correspondentes ao seu período de formación que o converten nun caso ben máis problemático, “incómodo” e singular do que deixaron consagradas a maioría das aproximacións bibliográficas que suscitou con motivo da citada efeméride.

A índole das súas primeiras producións poéticas e colaboracións públicas na etapa xuvenil revelan un Xosé Mª Díaz Castro identificado de cheo cunha ideoloxía politicamente reaccionaria, neoescolástica e nacional-católica da que se enchoupa nas aulas do Seminario de Mondoñedo e no seu propio medio social e familiar. A súa militancia contra a República e contra os valores progresistas transloce no tipo de publicacións coas que colabora antes do 36 e no contido, explícito moitas veces, dos versos feitos neses anos, tanto éditos como inéditos. A ausencia neste mesmo período de toda relación cordial co galeguismo, mesmo co de corte confesional, resulta tamén unha evidencia que obriga a repensar as pautas e tempos da traxectoria do autor.

EMILIO XOSÉ ÍNSUA LÓPEZ.- Doutor en Filoloxía Galego-Portuguesa pola Universidade de Santiago de Compostela e Profesor de Lingua e Literatura no IES A Basella, de Vilanova de Arousa. Fai parte do consello de redacción da revista Cerna, editada por ADEGA. Colaborou con relativa frecuencia cos semanarios Heraldo de Vivero, La Voz de Ortigueira e A Nosa Terra. Foi socio fundador da Mesa pola Normalización Lingüística, membro do consello da editorial Letras de Cal e participou como poñente en diversos simposios, congresos e xornadas relacionadas coa lingua e a literatura galega.
Poesía
• Devalar das esperas, 1995, Espiral Maior.
• Acontece ás veces a ternura, 2005, Espiral Maior.
Ensaio
• Antón e Ramón Villar Ponte: unha irmandade alén do sangue, 2004, Centro Ramón Piñeiro.
• Sobre O Mariscal de Cabanillas e Villar Ponte, 2005, Universidade da Coruña.
• Antón Villar Ponte e a Academia Galega, 2006, Edicións do Cumio.
• Orixe, peripecia e pertinencia do topónimo San Cibrao (Cervo), 2010, Seminario de Estudos Terra de Viveiro.
• A nosa terra é nosa! A xeira das Irmandades da Fala (1916-1931), 2016, Baía Edicións.
• Díaz Castro: poeta en formación (1914-1939), 2017, Edicións Laiovento.
• Común temos a patria. Biografía dos irmáns Villar Ponte, 2018, Xerais. Coa coautoría de Xurxo Martínez.



22 de maio de 2018

0 comentários :

Danos a túa opinión