Un novo horizonte para a lingua galega

Moncho Paz.- O vindeiro mes de xullo cúmprense trinta e cinco anos da entrada en vigor da lei de normalización lingüística de Galicia. Tivemos, pois, tempo dabondo para avanzar bastante máis do que o fixemos ata agora no uso progresivo do galego nos distintos eidos, en sintonía co espírito da norma e o esforzo construtivo de recuperación da nosa personalidade colectiva.

Pertenzo á primeira xeración que recibiu con ledicia a chegada da lingua galega ao ensino, un feito que nos fixo tomar conciencia de que a súa aprendizaxe é un dereito e un deber para calquera cidadán, e así debería entenderse tamén por parte dos poderes públicos. Con esta idea, cómpre definir políticas dinámicas que fomenten o seu uso nos diferentes sectores (educación, xustiza, sanidade, economía...), de tal xeito que estea máis presente nas actividades mercantís, publicitarias, culturais, asociativas, deportivas e outras.

Moitas persoas da miña xeración adoptamos un forte compromiso coa lingua; pero trinta e cinco anos despois decatámonos de que aínda estamos moi lonxe da meta. Hai que aprobar materias pendentes, entre elas a actitude dos medios de comunicación co idioma, pois o castelán segue a ser a lingua predominante para ver a televisión, escoitar a radio ou ler a prensa. Non se trata só de publicar portadas en galego coincidindo con datas sinaladas, coma o Día de Galicia ou as Letras Galegas. Iso é un folclorismo. Así o reclama a Asociación de Medios en Galego, que lamenta a discriminación da Xunta de Galicia sobre os medios escritos na nosa lingua con respecto aos que o fan en castelán. E teñen razón.

Na actualidade o castelán é a idioma maioritario en Galicia, segundo os datos recollidos nos informes publicados recentemente pola Real Academia Galega e o Consello da Cultura. Chama a atención o feito de que nos últimos anos disminuíse o número de galegofalantes nas grandes vilas e cidades, sobre todo nas novas xeracións. Isto débese, en boa medida, ás modificacións lexislativas postas en marcha polo Goberno de Núñez Feijóo, en especial o decreto do plurilingüismo, que entrou en colisión co natural desenvolvemento da lei de normalización lingüística e o fomento do uso progresivo do galego, rachando co consenso político acadado no seu día por todos os partidos con representación no Parlamento de Galicia.

Trinta e cinco anos despois, leo as noticias na prensa e, en liñas xerais, soamente vexo declaracións de intencións cheas de palabras baleiras de contido. Non hai un plantexamento serio e rigoroso. O dano feito con aquel decreto foi recoñecido indirectamente hai poucos días polo conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, cando avanzou a próxima presentación dun “plan para potenciar o uso do galego entre a mocidade”. Estamos a tempo de salvar ao noso idioma? A responsabilidade de esixirllo á Xunta é de todos, chegou o intre de rematar coas políticas erráticas e actuar con decisión e firmeza para reivindicar a riqueza do patrimonio lingüístico galego, evitando a desintegración da nosa identidade coma pobo.

17 de maio de 2018

0 comentários :

Danos a túa opinión