Valorizar a nosa lírica tradicional

Redacción. -

“Como valorizarmos a lírica tradicional galega” será o título da conferencia que desenvolverá o profesor de Filoloxía Galega da UdC, Xosé Manuel Sánchez Rei, este sábado, día 12 de maio, ás 20 hrs na Casa-Museo Manuel María e na que presentará un traballo recentemente publicado “Cantar na Coruña. Cancioneiro coruñés dos séculos XVIII e XIX”

A publicación contén máis de catrocentos cantares tradicionais galegos, que veñen precedidos dun estudo introdutorio para os situar cultural, histórica e lingüísticamente. Estes textos, alén de daren a coñecer unha parte do rico patrimonio inmaterial do país, xurdido e transmitido co pasar de xeracións, servirán para achegarmos os modos de vida das galegas e galegos da época, mais tamén para coñecermos máis un pouco sobre o estado da lingua naquela altura e, igualmente, para recuperarmos desde a actualidade unha forma de manifestación artístico-literaria e de lecer de tanta raizame na Galiza.

Ao final do acto terá lugar unha actuación dos magníficos gaiteiros, residentes no Concello de Outeiro de Rei, Pepe Vaamonde e Uxío Vaamonde Murias.

9 de maio de 2018

0 comentários :

Danos a túa opinión