Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia

Redacción. -

A Mostra Internacional de Teatro (MIT) de Ribadavia presentou a programación da súa 34ª edición, que terá lugar do 14 ao 22 de xullo coa participación de compañías de Italia, Portugal, México, Reino Unido e Uruguai, ademais de galegas e do resto de España, e a presenza de recoñecidos nomes da escena como Pippo Delbono ou Laila Ripoll.


A Consellería de Cultura e Educación colabora un ano máis coa organización do encontro a través do apoio económico da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), que recoñece deste xeito o valor da MIT como mostra de referencia no sistema teatral galego. Así foi definida por Jacobo Sutil, director da Agadic, na presentación desta nova edición, celebrada na sede da cooperativa Viña Costeira e na que tamén interviñeron o alcalde de Ribadavia, Ignacio Gómez; o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Luis Fernández; a presidenta da Asociación de Actores e Actrices de Galicia, Nieves Rodríguez; a presidenta da asociación Escena Galega, Belén Pichel; e o director da MIT, Roberto Pascual.
 

25º aniversario de Commedia

Sutil fixo especial fincapé na estrea coa que botará a andar a mostra o 14 de xullo no Auditorio do Castelo: Commediaun xogete para Goldoni, un dos espectáculos de máis éxito da historia do teatro profesional galego, que a compañía Contraproducións recupera para os escenarios da man do director Cándido Pazó xunto con boa parte do equipo orixinal que o levara por primeira vez ás táboas hai 25 anos. A súa nova montaxe conta tamén co apoio da Xunta como unha das 30 propostas galegas adxudicatarias da última convocatoria de subvencións da Agadic á produción escénica.


Con Commedia, un xoguete para Goldoni esbózase a commedia dell’arte como un dos elementos condutores da programación, que sigue apostando igualmente pola creación contemporánea internacional coa presenza de Pippo Delbono (Italia), Marianella Morena (Uruguai), Projecto EZ (Portugal), Los Colochos (México) e Blind Summit Theatre (Reino Unido). Tamén se poderán ver en Ribadavia espectáculos procedentes de Valencia (Emportats, de La Trocola), Estremadura (Musicoloco, de Fuman Artist), Madrid (Donde el bosque se espesa, de Micomicón, e Malabreikers coa súa peza homónima), Castela-A Mancha (Tebas Land, de Euroscena), Cataluña (Ragazzo, de Teatre Tot Terreny), Andalucía (Rojo estándar, de La Nórdika) ou Asturias (El mundo por montera, de Rodrigo Cuevas).


Ademais de por Contraproducións, a escena galega tamén estará representada nesta carteleira por A Panadaría, IO Circo, Cristina Collazo e Banda A Lira de Ribadavia, e Inventi Teatro.


Na programación desta 34ª edición tamén terán tamén especial protagonismo as actividades paralelas, que combinan os ámbitos pedagóxico, experiencial e artítisco, como os obradoiros ofrecidos pola directora e dramaturga Laila Ripoll ou as charlas e encontros sobre a profesión do escenógrafo a partir da exposición que albergará a igrexa da Madalena.

22 de xuño de 2018

0 comentários :

Danos a túa opinión