O noso Ramón



Pilar Maseda.- A miña amizade persoal con Moncho Paz, xornalista vilalbés, da Casa dos Marios -que é así como nos coñecemos nos pobos entre as familias- vén dende a nosa infancia, compartindo xogos na praza da igrexa e actividades no colexio público Insua Bermúdez. Alí, ao carón dalgúns mestres receptivos ao progreso e á fin do franquismo, comezaron as nosas andainas polo mundo da nosa historia como pobo. Ben é certo que postulamos sempre nas dúbidas que a sociedade local aínda tiña acerca da identidade da Vila e dos novos tempos.

A realidade da vida para min non me agardaba no eido do estudo académico, como no caso de Moncho, que si o levou a estudar xornalismo en Madrid. Eu quedei tralo mostrador do negocio familiar falando sen parar cos paisanos da historia da Vila e dos costumes da terra [...]

Aquí é onde naceu A Lareira, hoxe lugar coñecido como local de hostalería no casco antigo de Vilalba, lugar da permanencia existencial como modo de vida, como porta aberta á identidade... Velaí, que perante anos fose a sede de Amigos de Prisciliano, que co amigo Moncho Paz, nomeamos como delegación na Terra Chá. Pola casa tamén pasou o finado Ramón Chao no seu reencontro coa vila, noutrora hostil, por mor da publicación do seu  primeiro libro O Lago de Como, así coma o retrato que neste fai, con algún rasgo autobiográfico, dunha vila de posguerra e miseria, do sufrimento padecido na infancia dunha sociedade mediocre, caciquil e ignorante.

Lembro o reencontro con Ramón en público, pois el viña de visita á vila de incógnito; para non entrar en polémicas, debido ao coñecido que era como xornalista e escritor, como tamén por ser o pai de Manu Chao.

Mais creo que, ben aconsellado entre outros por Moncho, aos cales unía unha grande amizade, decidiu volver ás súas orixes, aliviado por aquel trance que se vivira na vila, por malas interpretacións e "díxome-díxomes" entre vellas feridas e envexas de malos tempos que algunhas persoas, sen ter lido se queira o seu libro, foron circulando entre veciños.

Coido que a única maneira de que o noso pobo medre cultural e socialmente cara o progreso e a natural mestura e liberdade de pensamento, reside, en parte, na importancia da divulgación e afirmación da obra e feitos de personaxes como Ramón Chao, Agustín Fernández Paz, Bernardo García Cendán, Pepe Chao, entre moitos outros que me quedan no tinteiro. Un pobo ten que saberse nomeado para existir e recoñecer as súas diferenzas cun respecto mútuo e así medrar, valor que, sen dúbida, Ramón defendía.

22/06/2018

0 comentários :

Danos a túa opinión