Baiuca presenta "Arume"

Redacción. -

Menos de tres meses despois da saída de Solpor (Raso Estudo, 2018), Baiuca segue multiplicando a súa presenza en escenarios de todo o país, recibindo algunhas das mellores críticas que o debut recibiu este ano, e levando as marcas xenéticas máis autóctonas da cultura galega a unha dimensión absolutamente contemporánea.

O seu afán por conectar o folclore tradicional galego con música electrónica de vangarda converteu a Baiuca nun proxecto absolutamente transversal: louvado tanto polos amantes da música tradicional que consideran necesario resignificar os códigos culturais de raíz; como por unha mocidade que sentía lonxe das expresións tradicionais; como por aqueles descoñecedores da música galega; mesmo por aqueles que entenden que a única maneira de construír futuro é reconstruíndo o pasado.

Dando xa os seus exitosos primeiros directos en Galicia, Cataluña e Madrid, Baiuca anuncia as datas da súa xira estival, que se pode leer na imaxe, mentres xa se comeza a perfilar a axenda para outono-inverno.

Tamén logo de presentar o videoclip de "Muíño", primeiro single e tema que abría o disco; agora é a quenda de "Arume", o corte que pecha o álbum.

O videoclip foi realizado por Adrián Canoura, quen acaba de gañar dous premios en Filmadrid polo seu filme "Caerán lóstregos do ceo", e encargado de todo o universo estético de Baiuca: non só é o realizador dos videoclips, senón tamén o encargado de portadas e carteis e a outra metade nos directos do proxecto: acompaña a Alejandro Guillán proxectando imaxes tomadas en Galicia ou recuperadas de arquivo antigo, e intervenas en directo, levando o show a outra dimensión.

06/07/2018

0 comentários :

Danos a túa opinión