Lembrando ao Lito (1952-2018)


Antón Baamonde.- Manuel  Fraga Rey (Vilalba,1952-A Pobra do Caramiñal, 2018) foi un dos fundadores de ERGA, estudantes revolucionarios galegos, a primeira organización de masas do nacionalismo galego despois da guerra civil. A miña memoria non é capaz de situar exactamente o momento en que foi detido por primeira vez en Vilalba e levado ao cuartel da Brigada Político-Social de Lugo. Puido ser no mesmo momento en que se producía no Ferrol a folga de 1972 que determinou un estado de excepción naquela cidade, e o asasinato dos Obreiros Amador e Daniel por parte da policía, lembrado nun breve e emocionante poema de Uxío Novoneira (“Erguéstevos cedo aquel día/o costume do traballo/Mañá cedo/para facernos coa vosa morte”) ou tal vez con motivo dun dos estados de excepción cos que o franquismo, no seu estertor, cancelaba as súas propias leis para ter as mans libres na represión. 

Si conservo, no entanto, a sensación do momento. O medo dos que temían que a policía viñera tamén a por eles e, por que non dicilo tamén, o tremendamente ridículo que parecía un réxime no que eran posibles aquelas detencións de estudantes de vinte anos.

Non foi a única experiencia súa coa policía. Dous anos despois foi detido outra vez en Santiago de Compostela. Era un Primeiro de Maio e tiña uns panfletos chamando a conmemorar o día da clase obreira. É de supoñer que firmados pola UPG, partido ao que pertencía. Ese delito fixo que estivera en prisión case un ano ata que a primeira amnistía permitiu a súa saída do cárcere da Coruña. Algunha vez fun alí a visitalo con miña irmá Pepa e seus pais. A policía, nese sentido era máis laxa do que o sería hoxe. Nese cárcere coincidiu con outros ilustres presos políticos –os 23 de Ferrol de CCOO, Muruzábal e outros membros da CSUT, etcétera-.

Lito era, naqueles anos de mocidade un furacán. Era unha enerxía telúrica, un terremoto que facía tremer todos os lugares polos que pasaba. Se a xuventude é algo positivo, debería de estar dotada do encanto, a forza e a coraxe que Lito posuía a mans cheas. En todo o que se metía liberaba unha forza e un empuxe extraordinario. A súa vida exemplifica como poucas das que eu coñecín as expectativas e a esperanza de cambio de vida que marcaron os anos sesenta, nos que el medrou. Foi un tempo magnífico, de optimismo e grandes aspiracións. O seu estilo era o dun certo tipo de chairego, cosmopolita e ao tempo enraizado. Non había nada nel de cínico: era dunha bonhomía sen voltas. Era un tipo.

A súa historia de amor con Marina foi das que fan época. Caeu namorado  coma un paxariño cheo de tenrura. Fóra de toda convención social deixaba o seu posto de traballo desguarnecido para ir a onde fóra que ela estaba. Apuntábase a calquera folga –nun tempo no que as había cada dous por tres, e a el non lle importaba quen a convocara- para gozar da súa compañía. Os puritanos de hoxe condenaríano sen remisión. A súa vida á beira de quen tanto quixo foi feliz e completa. No Barbanza, máis cálidas terras que as da Terra Chá, criou a súa descendencia. Imaxínoo non seus últimos anos, tal e cal era o seu carácter, barafustando, facendo o papel do vello afectuoso e rosmón, contento de que a vida lle deparara o que buscou nela.
________________
Foto: Arquivo IESCHA

21/07/2018

0 comentários :

Danos a túa opinión