V Convivio da Cultura Galega

Redacción. -

Máis un ano, chega unha nova edición, a quinta, do Convivio da Cultura Galega. Encontro lúdico, festivo e de convivencia, organizado pola Casa-Museo Manuel María, que convoca a todas as galegas e galegos e a entidades culturais para, arredor da figura de Manuel María, e recuperando o espírito comunitario das tradicionais romarías, celebrarmos a cultura do noso país, Galiza.

Este ano o Convivio será o sábado 14 de xullo e desenvolverase entre a Casa-Museo Manuel María, no centro de Outeiro de Rei, e a Carballeira de Santa Isabel, fermosa paraxe natural ao pé do Miño e un espazo moi especial e íntimo para Manuel María. Será neste último lugar, a carballeira, tradicionalmente o lugar da festa en Outeiro de Rei, onde se levarán a cabo a maior parte das actividades do Convivio.


O Convivio dará comezo ás 11.30, na horta da Casa-Museo, cunha acollida a todas as persoas participantes e unha pequena actuación do grupo de música tradicional Untia e o coro da asociación cultural e musical Solfa. Desde alí, sairase camiñando ao son da música cara ao cemiterio de Outeiro de Rei onde haberá unha ofrenda floral a Manuel María, para baixar logo á Carballeira de Santa Isabel. Ás 13 horas, a Banda Municipal de Música de Rábade-Begonte-Outeiro, “Sons e soños”, dirixida por Armando Morales Blanco, dará un concerto e ás 14 horas será o momento para o xantar demorado e colectivo (cada quen deberá traer a súa comida). Após o xantar, o grupo de teatro Pereira de Lobos representará con monicreques, ás 16.30, a peza “Berenguela. Aventuras e desventuras dunha espiña de toxo” . Finalmente, ás 17 horas, dará comezo a foliada, que será animada polo cantor e escritor Xurxo Souto, e na que intervirán distintos grupos de música tradicional como Untia, Treboada, Birloque Gaiteiros, Coitelo de pau, Parabéns, Reviravolta, Cantareir@s.comTigo..., que porán o son para bailar e cantar de todas as persoas que alí se congreguen.

07/07/2018

0 comentários :

Danos a túa opinión