Perfil literario de Beatriz Maceda



Carmen Ollero Novo.- Para recrear o perfil literario de Beatriz Maceda, o primeiro que fixen foi acudir as fontes máis fiables, os seus propios libros. Alí estaban: Man. O alemán de Camelle (2012), O álbum de Garrincha (2015), Cando John Lennon coñeceu a Valle-Inclán (2017). Pero tamén lin, e mesmo escoitei, as súas declaracións, as posturas que defende fronte a determinados retos e problemáticas actuais e que conforman un ideario que se verá reflectido, dun xeito ou doutro, na súa ficción. E unha das primeiras cousas que constatei é que Beatriz é unha escritora comprometida con determinadas causas, ou o que é o mesmo, coherente.

Para trazar este perfil servinme doutras lecturas previas, en concreto dos ensaios de Carmen Martín Gaite, O conto de nunca acabar, e de Virxinia Woolf, Unha habitación propia. Estas escritoras analizan a esencia, as motivacións e os impedimentos que todo o acto de escribir, narrar ou mesmo dicir implica, sobre todo se estamos a falar de mulleres escritoras.

Noveleira

Beatriz non só escribe novelas, ela é noveleira. Tomo este termo de CMG para referirme á tendencia a vivir a vida como se fose unha novela. Esta inclinación, que agroma na nenez, vai medrando paralelamente á necesidade de escoitar ou ler historias que nos acheguen a outros universos.

No caso de Beatriz, mestra, dona Marisa Pena; unha libreira, Pepita da Ponte; e unha bibliotecaria, Teresa van atender a curiosidade e o gosto pola pola evasión nos seus primeiros anos chairegos.

Aquela rapaza que devecía por escoitar e ler historias, tiña poucos xoguetes no seu cuarto infantil, para decepción das amigas que a visitaban, pero si moitos libros. E se de nena foi quen de coñecer a Jim Hawkins e explorar a Illa do tesouro, dar a volta ao mundo ou intimar co Principiño, quen lle ía impedir, de adulta, tratar co mesmo Valle-Inclán, e o seu dobre John Lennon.

Eu non lle preguntaría a Beatriz que literatura lle influíu na súa escrita, senón onde sitúa ela a fronteira entre vida e literatura, e sospeito que esa barreira, de existir, ha de ser ben difusa.

Beatriz e as xanelas

Esta necesidade de ler ou escoitar historias para logo contalas precisa un enfoque, unha perspectiva, e Beatriz atópaa nas xanelas.  Aínda que vos pareza unha parvada, unha muller asomada a unha ventá merecía non hai moito tempo certa desaprobación, censura, polo que implicaba de transgresión, de quebra do espazo pechado, doméstico, no que adoitaban vivir.

Sospeito que Beatriz fuxe desde sempre polas xanelas. E de novo, resúltame moi doado visualizar a aquela nena que mira pola ventá do pazo familiar para albiscar o castiñeiro centenario, o hórreo ou o paso das estacións na chaira, ou a muller que levanta á vista cara ao atlántico no seu ático coruñés, nunha especie de ximnasia mental previa á creación.

A xanela, esa percepción da realidade enmarcada, imprime tamén un determinado punto de vista, dende dentro para fóra, e terá a súa repercusión na técnica narrativa, determinará o uso do eu narrador, é dicir, as narración en primeira persoa pola que Beatriz Maceda ten clara preferencia.

O obradoiro da escritora

Seguindo co tema das xanelas, convídovos a botar unha ollada ao cuarto de Beatriz, ao seu obradoiro de escritora. Como boa filla única, non é moi aficionada a compartir o seu espazo, resistencia que só o seu fillo e unas poucas persoas moi ben queridas lograron vencer.

O tema do cuarto ten o seu aquel. Segundo Virxinia Woolf, as mulleres para escribir só precisan dúas cousas: cartos e unha habitación de seu. Parece unha obviade pero estamos a falar de independencia económica e persoal, e iso no caso das mulleres xa é outro cantar.

Non imos fisgar nas economías de Beatriz pero podemos botar unha ollada ao seu cuarto de traballo que ela define coma: “Un recuncho no dormitorio co mar en fronte. Ese mar herculino que é o que me dá un espazo infindo (…)

A mestra

Ás veces Beatriz é parca de máis coas palabras. Na lapela desde último libro defínese con dúas verbas: mestra e escritora. Xa está, todo dito. Mais eu penso que aparente simplicidade agocha a esencia de dúas vocacións complementarias, porque probablemente a mestra sexa quen de manter a atención dos seus alumnos grazas ao feitizo dunha lección, ou poño por caso unha historia, ben contada, mentres que a escritora nos quere sempre aprender algo. Non se trata dun afán moralizante, de sermón, senón dunha sutil pretensión didáctica, exemplarizante. 

E deste xeito, ao pairo das súas ficcións, Beatriz aborda nos seu libros temas como a marea negra do Prestige, o ecoloxismo, a educación na diferenza, a integración social dos inmigrantes, o feminismo, a movida dos 80 ou a teoría do esperpento.

Os interlocutores

A súa obra vén enmarcada na narrativa xuvenil, pero xa sabedes que as etiquetas sempre quedan curtas. Aínda que neste caso, o adxectivo xuvenil paréceme significativo xa que sinala outra das características da súa escrita: o destinatario.

Como boa mestra e, sobre todo, excelente nai dun rapaz, Beatriz escribe fundamentalmente para o seu fillo Nacho e para os seus alumnos e alumnos. Eles son os interlocutores primeiros da súas historias. E fixádevos que falo de interlocutores, e non xa de destinatarios, porque penso dunha transferencia de ficcións que sería nos seus inicios oral e recíproca, nun intercambio de gostos, historia ou intereses. 

Beatriz escribe para entreter ao seus interlocutores pero tamén para lles presentar outros heroes, que non superherois, outros modelos nos que atopar unha imaxe non estereotipada da masculinidade.

E deste xeito temos a Man, o ermitán de Camelle; Garrincha, o futbolista zambro; e nada máis e nada menos que Valle-Inclán ou John Lennon. Todos homes, rebeldes, rompedores, irredutibles nos seus plantexamentos vitais. Sen dúbida, bos espellos nos que ollarse.

A segadora

Neste afán de presentar outros modelos masculinos, asoma á cabeza a Beatriz segadora. Trátase dunha plataforma de crítica literaria feminista que nace “nace do exercicio de observar un panorama da crítica caracterizado polos silencios das voces das expertas, por lecturas sen explicitación da posición e pola falla de análise crítica dos textos das autoras”. O seu obxectivo é visibilizar as obras escritas por autoras e realizar novas lecturas da literatura en lingua galega fóra dos canons oficias, demasiadas veces patriarcais.

Outras segadoras son Andrea Nunes Briones, María Reymóndez, Marga Romero, Lara Rozados, Susana Sánchez Aríns, Emma Pedreira…  De seguro que lles agardan longas xornadas de traballo para debullar o gran de tanta palla.

Temos, entón, unha escritora comprometida, noveleira, ventaneira, mestra, nai contadora e segadora.  Espero que este cualificativos vos aporten algo novo sobre ela.

23/09/2018

0 comentários :

Danos a túa opinión