As mentiras institucionais provinciais

Antón de Guizán. -

A Asociación Sociocultural Lareira de soños dos Vilares leva máis de catro anos loitando para salvar as pinturas murais da igrexa parroquial, de estilo gótico hispanoflamenco de grande valor histórico artístico, datadas no século XVI e descubertas en 1991.


Coa campaña V SÉCULOS DE NÓS /FRESCOS DOS VILARES


#SalvemosOsFrescosDosVilares


e catro anos de infrutuosa insistencia, de falsas promesas, de reunións, visitas, e algunha iniciativa parlamentar, o máis sorprendente foi a resposta (trás varios intentos) da Deputación Provincial de Lugo aos requerimentos da oficina da Valedora do Pobo. Alegou o organismo provincial que non financian obras privadas, neste caso, propiedade da igrexa cando todos sabemos que non é certo e ademais temos probas nos Vilares co financiamento (a través dun convenio) da restauración dunha palleira privada (50.000€) fronte á casa de Diaz Castro.


Pero como as hemerotecas son tozudas, e un simple sondeo de Google déixanos unha listaxe nada desprezábel de obras acometidas en templos relixiosos e arredores con cartos da Deputación Provincial de Lugo, en solitario ou con convenios nos últimos anos, algunhas das cais deseño abaixo:


En Labrada, Guitiriz, acometeronse obras para sacar as humidades da igrexa por valor de 12.000€, e nese mesmo ano, tamén se aportaron fondos para a de San Facundo de Ribas de Miño en Paradela.


En 2015, a Deputación de Lugo interviu na igrexa de San Mamede de Vilasouto, no Incio, con100.000€, tamén coa cuberta da capela de Lousada con 68.000€, na capela de San Antón de Momán con 12.000€, na cuberta da igrexa de San Pedro de Candia con 20.546€, o retábulo de Santa María de Vián na Pastoriza, 15.000€, Santa Eulalia de Bóveda 106.187€ oubo retábulo da igrexa de Meira con 42.000€. por poñer algúns exemplos.


Xa no pasado ano, aportou 10.000€ ao retábulo de Bazar, 80.000€ para a igrexa de Celeiro, 8.000€ para un muro na de Santa María de Sabadelle en Chantada e ten aprobados para este ano investir 46.000€ para o acceso á igrexa da Cova no Saviñao.


O acordo aprobado pola Comisión de Cultura do Parlamento Galego no que o PSOE se abstivo (o PSOE goberna en Guitiriz e na provincia) plantexa acometer a restauración entre as distintas partes implicadas, Diócese, Concello, Deputación e Xunta de Galicia, que xa ten encargado a redacción do proxecto definitivo.


O posicionamento do Concello e da Deputación Provincial, deixa moito que desexar en canto á implicación para salvar estas importantes pinturas tendo en conta que están no seu concello e provincia, algo dificilmente entendíbel desde calquera punto de vista.


Pero que os argumentos do seu pasotismo e falta de implicación se basen en mentiras, soa a escusas de mal pagador, e máis grave resulta cando o custe da restauración entre partes resulta unha cifra facilmente asumíbel polas partes tendo en conta a importância de evitar a perda destes importantes frescos despois de cinco séculos de existencia.


Agardemos que rematada a redacción do proxecto, Deputación, Concello, Diocese e Xunta, deixen de lado diferencias e poñan por diante de intereses de parte a salvación das pinturas, un ben patrimonial de grande importancia na Terra Chá e na provincia, desde o punto de vista cultural e turístico.


Porque as paredes da nosa igrexa, gardan importantes tesouros, e son V SÉCULOS DE NÓS.


Salvemos os frescos dos Vilares.

31 de xan. de 2019

0 comentários :

Danos a túa opinión