O xornalismo de Lamas Carvajal

Xosé Ramón Pousa.-

Hai persoas que, aínda sendo cegas, teñen unha clarividente visión de futuro. E o caso de Valentín Lamas Carvajal, un ourensán que devolveu ao idioma galego a condición de lingua apropiada non so para as relacións persoais senón para a comunicación escrita. En 1876, nun país onde o 95 por cento da poboación utilizaba unha lingua proscrita, cuns índices de analfabetismo tremendos, e unha poboación rural dominante,  Lamas Carvajal co seu “Tio Marcos da Portela”, fixo do primeiro xornal en galego un auténtico “best seller” que triunfaba en todas as feiras do país, imprimindo ata 4.000 exemplares, e prolongando por máis de 12 anos o seu éxito.

“O Tio Marcos”, un labrego con chispa, personaxe extraído do Padre Sarmiento,  era unha publicación popular, dirixida a eses sectores maioritarios na Galicia do século XIX, sen acceso a unha cultura non xa de elites, senón básica. Un xornal que conectaba perfectamente coas súas preocupacións como campesiños, sintonizaba cos seus intereses, e utilizaba a sátira máis descarnada e a parodia como elementos de rebeldía contra o caciquismo e, principalmente, na figura encarnada por Bugallal, nunha sociedade esmagada por un centralismo terrible. Sempre había un paisano que o mercase e ilustrase aos demáis coa seu lectura pública.

O salto de Valentín Lamas Carvajal cara unha publicación periódica en galego e de tal éxito, hai 150 anos, sorpréndenos hoxe mesmo. Nunha sociedade como a galega que superou boa parte dos seus problemas de atraso secular, pero que non é quen de dar o paso definitivo para a dignificación do idioma propio. Aínda hoxe carecemos dunha estrutura de medios e de publicacións impresas en galego con calado suficiente.

Aparte da súa labor poética, a experiencia xornalística de Lamas comezara anos atrás coa publicación da revista “La Aurora de Galicia”, coa súa implicación no semanario “El Heraldo Gallego” e posteriormente en el “Eco de Orense”. Seguro que este coñecemento interno dos medios, para un home que tiña mesmo que ditar os seus artigos -case sempre a un dos seus fillos que o formateaba para a imprenta-, serviu de preparación para o seu gran proxecto pioneiro da prensa galega. Estamos ante un ser comprometido co país, dotado dunha excelente visión como xornalista, que utiliza a súa facilidade versificadora e o seu sentido do humor para conectar cun público ávido de que, por fin, alguén lle de a razón, recolla os seus sentimentos e os reforce a través da letra impresa, na mesma lingua que eles falan e que poucas veces se materializa na escrita.

De Lamas Carvajal sorpréndenme moitas cousas. El utiliza a técnica xornalística da entrevista: preguntas cortas seguidas dunha resposta, para formular todo tipo de problemas e situacións coas que se atopa un labrego do século XIX, gobiado polas rendas, endebedado cos usureiros, abocado a unha vida imposible ou mesmo á emigración incerta cara América. Preguntas simples e respostas frescas que, coma os versos de Rosalía, quedaban nas mentes campesiñas e eran reproducidas unha e outra vez.

Como punto forte do seu proxecto xornalístico, Lamas introduce a peza por entregas, como acontecía nas mellores publicacións da época coa literatura de cordel, publicando como un cadernillo do “Tío Marcos da Portela” o “Catecismo do Labrego”, o primeiro éxito da literatura galega que coincide co momento de maior expansión do periódico. Novamente, Lamas Carvajal innova, utilizando con respecto e admiración a máis pura técnica eclesiástica da repetición de conceptos directos e fáciles de entender, como no Catecismo católico, de tanto calado popular. Iso si, dándolle unha dimensión civil, a un novo credo social que, como os dez mandamentos, habían de chegar con forza a unha Galicia irredenta.

Hoxe, na Galicia do século XXI, aínda temos que desprendernos de moitos prexuízos e aprender daquel cego ourensán de tan longa visión, aprendendo da súa humildade, da capacidade de conexión cos máis desaxidos, para dunha vez rematar un proxecto que 150 anos despois aínda está moi lonxe de ser realidade: Unha Galicia con medios propios e en idioma galego. Toda unha lección a de Lamas Carvajal.

7 de feb. de 2019

0 comentários :

Danos a túa opinión