Presentación dun estudo de Ana Naseiro

Redacción. -

O vindeiro venres, 5 de abril de 2019, ás 20:30 horas, na Casa da Cultura de Vilalba, o Instituto de Estudos Chairegos, en colaboración co Concello de Vilalba, organiza o acto de presentación do libro “A fábrica de tabacos da
Coruña e a fábrica de mistos. Factores de transformación dunha cidade”, da vilalbesa Ana Naseiro Ramudo.
Intervirán no acto, ademais da autora do libro, Paulo Naseiro Ramudo e Marisa Barreiro Mejuto. “Esta obra de Ana Naseiro Ramudo é un ensaio sobre a Fábrica de Tabacos e a Fábrica de Mistos da Coruña, no que se recolle información inédita da súa historia, evolución e conflitos. A través
deste estudo vemos como o desenvolvemento de ambas institucións non foi alleo á evolución da propia cidade e marcou a súa evolución paisaxística, urbanística, económica e social. Un dos capítulos recolle a depuración do persoal da fábrica durante o Franquismo, capítulo pouco coñecido da historia de Fábrica de Tabacos. Esta obra quedou finalista no Premio Manuel Murguía 2017 da Deputación da Coruña.” (acalexandreboveda.gal)
“Este libro é un estudo inédito con novas aportacións a Historia da cidade da Coruña. A Historia Industrial e Urbanística están ligadas nesta investigación, ambas parcelas están bastante esquecidas na historiografía de España, a escasez de estudos destos campos afecta a percepción da evolución da historia social e económica do noso país na época contemporánea. Neste estudo recóllense aspectos novos do devir da cidade herculina a través da investigación e revisión de fontes documentais apenas coñecidas que nos falan de dúas institucións paralelas e innovadoras como foron a Fábrica de Tabacos e a Fábrica de Mistos, que marcaron a evolución social, económica, urbanística e industrial transformando a cidade e o seu entorno e dando paso a modernidade.” (catalogo-rbgalicia.xunta.gal)
ANA NASEIRO RAMUDO é Facultativa de Arquivos do Estado. Actualmente, arquiveira da Oficina Española de Patentes e Marcas. Formouse en Historia Moderna e Contemporánea pola Universidade de Santiago de Compostela, especializándose en Biblioteconomía pola Universidade da Coruña, onde obtivo o doutoramento coa tese: Evolución Histórica da Descripción Arquivística na España Contemporánea. O xerme desta investigación atópase nun proxeto que coordinou do Arquivo da Delegación do Goberno en Tabacalera conservado no Arquivo Xeral da Administración, onde atopou una línea de investigación descoñecida da Historia da Coruña que lle fixo visitar diversos arquivos dando lugar á presente obra.

5 de abr. de 2019

0 comentários :

Danos a túa opinión