Falar galego en Galicia


Mario Paz González.-

Levo vinte anos vivindo fóra de Galicia e sempre falo aos meus fillos en galego (de xeito parecido comezan moitas terapias de grupo no cine americano e este texto, se cadra, tamén o é). Sei que hai máis coma min e non me parece estraño. Pero tamén moitos menos. Meu pai faláballes a miúdo na nosa lingua e chamáballe a atención que os nenos o entendesen e o traducisen ou, mesmo, que quixesen ver na tele o Xabarín Club. Para eles era “o avó”, mentres que o de Castelá é “el abuelo”, sen conflitos. Malia todo isto, chamoume a atención que, hai uns días, nas redes, a raíz dunha entrevista a Luis Tosar en La Voz de Galicia, se destacase como algo excepcional o feito de que este grandísimo actor tamén lle fale aos seus pequenos en galego vivindo en Madrid. Na miña inxenuidade, sorprendeume que os internautas louvasen algo que debería ser o normal. Quero dicir que, nunha época na que o plurilingüísmo é un valor en alza (mesmo, por suposto, a aprendizaxe de linguas foráneas) o natural tería que ser que, posuíndo máis dun idioma na casa, este se ensinase tamén aos nenos prioritariamente. Nesta liña de pensamento tan lóxica, a entrevista a Luis Tosar revela, xa que logo, que, ademais de ser un gran actor, é tamén unha persoa sensata, que se rexe por isto que a un parécelle de sentido común.

Por desgraza, a mira experiencia dime que a cousa non é tan doada. Hai anos pregunteille a un pequeno en Compostela por que non falaba galego e contestoume dicindo que xa o falaba na escola. A resposta producíume arrepío tendo en conta a situación do galego no ensino. Moitos dos comentarios dos internautas á entrevista de Tosar confirmáronme agora estes medos. Tamén outra nova lida neses mesmos días na prensa dixital. A historia dun neno coruñés que se laia no seu vídeo blog de que á xente lle resulte estraño que, vivindo en Galicia, se comunique sempre en galego. Como o mesmo neno di, non deixa de ser rechamante que, aínda hoxe exista ese desprezo e esa vergoña pola lingua propia. Como comenta algún internauta, non é difícil comprobar, en calquera parque das vilas ou cidades galegas, como os pais falan só en castelán aos pequenos, se cadra, sen decatarse de que o castelán está, mesmo na Galicia, por todas partes e que a lingua que precisa dun reforzo cada vez maior e máis urxente é o galego. Artai, este neno da Coruña, denuncia a hipocrisía que ve ao seu redor: “Coñezo a moitos nenos e nenas que teñen pais profesores e políticos e din que defenden o galego e logo aos seus fillos fálanlles en castellano”.

Todo isto lembroume un poema de Bertolt Brecht (sempre Brecht) titulado “1940” e que fai referencia ao momento da súa vida no que vivía en Copenhague, despois de percorrer media Europa fuxindo, desde o ano 33 que deixara a Alemaña. Agora os nazis estaban a piques de invadir Dinamarca e tocaba partir de novo coa familia. Nel di que o seu fillo pequeno pregúntalle se, nese mundo en descomposición, ten sentido estudar matemáticas, francés ou historia. A el gustaríalle dicir que non, que para que, pero remata o poema cunha mensaxe esperanzadora pregándolle que si, que estude matemáticas, francés ou historia, se cadra, intúe un, como modesto lector, porque iso fará o mundo máis habitable. Cando a xente me di que ensinar galego aos meus fillos non serve para nada e que é unha perda de tempo, eu respondo como Brecht, que si, que aprendan inglés, alemán ou o que lles pete, pero que tamén aprendan galego porque tamén é, xunto co castelán, o seu idioma materno. Como dixo estes días na rede o poeta Xesús Rábade Paredes e que se podería aplicar á lingua como un dos nosos “afectos” máis prezados: “Hai quen pensa que naceu xa aprendido. Será na vida, seguro, un descastado, un egoísta que non medrou por dentro e que se encosca sobre as súas células. Vexetal necrosado. Un seixo contra o mundo. Túzaro e fosco, fuxirá sempre das mans que acariñan, alfares que modelan os afectos, ese colchón da sociabilidade”.

11 de set. de 2019

0 comentários :

Danos a túa opinión