Sara Veres, Trapeira de Honra


Redacción.-

A Asociación Socio-Cultural Lareira de soños e o grupo poético NPG Nova Poesia Guitirica organizan o acto de entrega dos prémios da VI edición Trapeira de Honra e da III edició do Certame Vilariñas de micro poesía terá lugar o 19 de Outubro ás 19:00 na Casa Habaneira de Guitiriz.

O prémio TrapeirX de Honra corresponde este ano á emprendedora Sara Veres Vazquez 'Sara das Reixas'. Nas edicións anteriores foron recoñecidXs José María Díaz Castro (póstumo), Romaría Labrega da Chaira, o músico José Díaz 'Pepe de Cristos', á Labrega Asunción Lobeiras 'Asunción dos Ares' e ao emigrante en Euskadi e activista cultural Raúl Río.
Na III edición do Certame Vilariñas corresponde o primeiro prémio á viguesa con orixes en Begonte Beatriz Coira Ríos, o 2° prémio ao berciano Manuel González Prieto e o 3° prémio á arousana Ana García Rivas que se farán coa fermosa figura deseñada pola artista Viki Rivadulla, pezas únicas feitas a man que conforman a imaxe deste concurso cada día máis popular.
Así como no 2018 homenaxeamos a Alfonso Blanco Torrado, na edición 2019 honraremos á escritora, mestra e poeta Marica Campo, orixinaria do Incio e con fondas vinculacións a Guitiriz e á Terra Chá.
Neste acto, no que xuntaremos por primeira vez estes dous recoñecementos, contaremos con importantes participacións poéticas e musicais e será aberto ao público.

Nas edicións anteriores, gañaron as Vilariñas Andrea Araújo Alonso de A Guarda, Pedro Rielo Lamela de Pontevedra, Toño Núñez, de Navia, Beatriz Dourado de Lugo, Mila Villanueva de Valencia e Cris Amoedo de Vigo.
Nesta edición, as tres Vilariñas irán a Vigo, O Bierzo e Vilagarcía.

O premio Trapeir@ de Honra pretende poñer en valor e homenaxear a persoas que desde o anonimato contribuiron co seu traballo a dignificar a labor do seu pobo e que simbolizan o esforzo, o traballo silencioso e necesário poucas veces valorado social e mediaticamente.
O Certame Vilariñas é un humilde concurso poetico-artistico no que as imaxes e os micro poemas da man, compoñen verdadeiras pezas artísticas. Reciben o seu nome en homenaxe aos Vilares e O Vilariño de Díaz Castro e ao valor das "herbas pequerrechiñas" e o valor das cousas pequenas tan recurrentes na súa obra NIMBOS.
Despois dos actos, teremos a tradicional cea "Vilariña".

10 de out. de 2019

0 comentários :

Danos a túa opinión