Lecturas víricas

Mario Paz González.-

Circulan estes días polas redes sociais, por mor da situación de reclusión solidaria que se vive no país, abundantes suxestións coas que encher o tempo de lecer que a acompaña: visitas virtuais a museos, gravacións teatrais ás que se pode acceder gratuitamente online, películas para ver na rede de xeito legal a través das plataformas das bibliotecas públicas… Son tamén moitas as lecturas achegadas por uns e outros e a lista podería ser interminable. Con todo, resulta moi difícil resistir a tentación de elaborar un canon persoal, así que aí vai.

En case todas esas listas, e tamén na miña, figura en lugar privilexiado A peste, imaxinada en 1947 por Albert Camus en Orán. A súa actualidade radica na reivindicación de valores como a solidariedade e o esforzo, que chega, mesmo, ao sacrificio nos sectores sanitarios para loitar polo ben da comunidade. Tamén, nesa liña, Némesis de Philip Roth, baseada nunha epidemia de polio en New Jersey no verán de 1944. Mesmo, cabería lembrar o Diario do ano da peste, de Daniel Defoe, ou Os noivos, de Alessandro Manzoni, ambas as ambientadas nas epidemias que sufriron Londres e Milán, respectivamente, no século XVII. Con todo, case ninguén (agás Julio Llamazares en El País) parece citar unha obra tan significativa como o Decamerón de Boccaccio, colección de relatos, na súa maioría xocosos, escrita no século XIV por mor da peste negra que, entre 1347 e 1352, arrasou Europa. Tampouco El quadern gris, diario de 1918 e 1919, de Josep Pla, obra mestra coa que forxou a súa vocación de escritor e que comeza un 8 de marzo de 1918 cunha referencia á epidemia daquel ano: “Como hai tanta gripe, tiveron que clausurar a universidade. Desde entón, o meu irmán e eu vivimos na casa, en Palafrugell, coa familia. Somos dous estudantes ociosos. […] El fai a súa vida. Eu vou tirando”.

Se do que se trata, a pesar de todo, é de soportar o peche destes días con lecturas edificantes que axuden a mitigar a inevitable sensación de claustrofobia que podería roldar a máis dun, pode recorrerse a títulos tan coñecidos como Robinson Crusoe, tamén de Defoe, e todas as novelas de Verne e outros sobre náufragos que seguiron o seu ronsel, como esa versión moderna que é O marciano, de Andy Weir. E, se o peche vai para longo, sempre podemos refuxiarnos nun hospital de tuberculosos asistindo ao derrube espiritual da Europa decimonónica xunto a Hans Castorp, protagonista de A montaña máxica, de Thomas Mann, ou nunha estreita cela na prisión de If, en Marsella, xunto ao mozo Edmond Dantés, protagonista de O conde de Montecristo, de Dumas. Se o que buscamos é unha compañía máis amable poderiamos atopala, polo seu ton íntimo e lírico, nas cartas Desde a miña cela, redactadas por Bécquer durante a súa estancia en Aragón no mosteiro de Veruela. Aínda que eu destacaría, sobre todas estas, Opio, esa obra miscelánea e de enorme creatividade, chea de debuxos e textos do autor que se adianta nun século á literatura posmoderna actual e que redactou Jean Cocteau durante a súa reclusión na clínica de Saint-Cloud.

Pero, se o que un busca é vivir estes tempos de xeito extremo, sempre se pode retomar A metamorfose de Kafka ou recorrer, por suposto, á ciencia ficción, comezando polo poema “Darkness”, de Byron, no que se pinta un mundo apocalíptico e abatido, onde os homes vagan sen rumbo. Foi escrito durante o “verán sen verán” de 1815, cando os gases producidos pola erupción do monte Tambora, de Indonesia, escureceron Europa. Dese mesmo período é O último home, de Mary Shelley, novela futurista ambientada (ollo!) no século XXI, cando unha praga arrasa o planeta. Tamén, por suposto, 1984 de George Orwell, ou A estrada, de Cormac McCarthy, que parece unha prosificación do poema de Byron, e moitos outros, como A fuga de Logan, de William F. Nolan e George Clayton, o Diario da guerra do porco, de Bioy Casares, ou as historias de zombies, como “Invasión”, de David Roas, relato no que as persoas permanecen pechadas nas súas casas ante unha epidemia de zombies que invade o planeta. Por variedade que non falte.

15 de mar. de 2020

0 comentários :

Danos a túa opinión