Tinker bell

Mario Paz González.-


Era marabilloso ir voando como unha cometa negra sobre os estanques, sobre as montañas. Observar desde o ceo os vales e os bosques coma se fosen minúsculos debuxos na palma dunha man. Deixarse arrastrar polo vento sobre campos e pradarías, sobre a terra esmagada e nocturna. Desprazarse con aquelas ás negras, como de papel de seda, orientándonos na escuridade, rozando as nubes e, aínda máis aló, cara a unha lúa de leite ou cara ás esferas das estrelas, coma se fósemos tocalas, a acariñalas con dedos trementes, extasiados.

Logo pasabamos o día boca abaixo, durmindo. Algo que, ao comezo, non deixaba de parecerme molesto, pero ao que logo funme afacendo e cada noite, xa cara á mañanciña, cando as primeiras raiolas do sol asomaban, desexaba que chegase ese momento do merecido repouso.

Aloxárame noutras formas, algunhas delas preguiceiras, lentas, que se desprazaban case arrastrándose ao nivel do chan, ollando o mundo en escorzo, e que se protexían pechándose nunha cuncha enorme. Ou naqueloutras, que escorregaban sen patas entre o recendo dos trevos á tardiña. Pero ningunha era comparable á liberdade que me ofrecía estoutra forma nova. Nin tampouco ao desexo de soñar desde o aire.

Unha noite, de regreso, mentres voábamos sentindo o vento que sopraba sobre nós e o recendo da mañá próxima, escoitei un son novo, estraño, coma se fose o ruxido xordo dun xigantesco dragón esmorecendo. Entón, cando remontamos o voo, vino. Era como unha enorme folerpa de neve que estalaba en diferentes formas de cores (azul, verde, rosáceo como o reflexo do ceo) axitándose contra a area. 

–Que é? –preguntei a unha compañeira que voaba ao meu carón.

–O mar.

–O mar?

–Non o coñeces? –a súa face amosou unha feble sorpresa–. É inmenso, máis que a terra, que os ríos, que as montañas. Case tanto como o ceo.

–Tampouco ten fin?

–En realidade, ninguén o sabe.

A noite seguinte, mentres sobrevoábamos as casas que adormecían recollidas sobre si mesmas, o son do vento sacudindo as follas unhas contra outras lembroume de novo o ruído do océano que escoitara por vez primeira a noite antes. Entón asaltoume a idea.

–Quero ir ao mar –dixen con firmeza.

–Ningunha de nós estivo alí. Nin sequera sabemos se nos estaría permitido –dixo a miña amiga.

–Algunha vez terá que ser a primeira. Quero saber que hai máis aló, do outro lado da súa inmensidade.

As outras olláronse entre elas e non dixeron nada, pero sentín que me dedicaban unha ollada compasiva.


Espertoume un ruído, un bulicio de xentes e vinme atrapada nunha estraña forma, de novo lenta, adurmiñada, pero esta vez cuberta de escamas. 

Ao meu redor, baixo un sol morno e amarelo, había seres humanos movéndose cargados con bolsas, falaban entre eles, tocábanse, desprazábanse como formigas brancas sobre unha terra escura. Víraos outras veces, pero non me chamaran tanto a atención. Eran, explicáranmo ben as miñas amigas, os habitantes das casas, os pobos, as aldeas, as cidades que viamos tantas veces desde o ceo, ao lonxe, coas súas luces amarelas.

Fixeime nunha nova. Era diferente aos demais, non tanto na forma de vestir como na de mirar. E naqueles ollos, máis grandes que os do resto, cunha mirada saudosa que anunciaba soidade e noites frías. Tamén tiña o pelo máis claro. Cabo ela había un home, como os outros, pero dunha idade semellante á da moza.

–Cedo has marchar? –dixo el.

–Si –bisbou ela cun murmurio que soou igual que unha pinga de orballo.

–Queres que sigamos vendo o mercado?

–Como ti prefiras –dixo ela con voz feble.

–Irás máis aló do mar, lonxe. Quen sabe cando nos veremos de novo…

Co ruído do lugar custaba entender o que dicían. Pero aquela palabra non se me escapou. Dixeran a palabra “mar”. Puxen todo o meu empeño naqueles sons.

–Si –dixo ela–, voarei sobre o mar, irei lonxe, moi lonxe, pero sabes que podemos seguir comunicándonos. Que hai medios que acurtarán as distancias.

–Pero non nos permitirán acariñarnos –dixo el con tristura achegando o seu rostro ao dela. 

Os seus beizos mornos estaban a piques de xuntarse.

–Francesca… –bisbou el.

–Jiang… –fuxiu dos beizos dela unha voz tremente.

Entón pareceu que todo fose deter. Entón fixen algo do que me falaran, pero que eu nunca experimentara e, polo tanto, non sabía se, en realidade, ía ser posible. Calculei a distancia, asomei ao pequeno abismo sombrizo que se interpuña entre aqueles seres e eu e lanceime ao baleiro, deixándome levar cara a ela cos ollos pechados. 

Cando voltei abrilos sentín un lixeiro estarrecemento e unha calor que me percorría o corpo. Estaba a observar o mundo desde un lugar novo. Desde os ollos grandes e relucentes da rapaza, tentando pensar desde o interior da súa cabeza, cheirando o recendo do mercado desde a cavidade do seu nariz, escoitando os sons do mundo a través dos pavillóns daquelas orellas pequenas. Entón quixen dicir algo. 

–Irei, si, pero volverei e todos verán que é posible ir máis aló do mar.

Jiang mirouna con tenrura. Francesca fixo un xesto de estrañeza coma se lle custase recoñecer as súas propias verbas. Os seus enormes ollos abriron aínda máis. Unha das súas mans soltou a de Jiang para alzarse. Mirou o reloxo. 

–Debemos marchar.

–Esta tarde sairá o teu avión. Quedan cousas por facer –dixo el.

Colléronse de novo as mans, acariñándose, e marcharon en dirección á saída do mercado de Wuhan. 


Aquela tarde, mentres sobrevoábamos o océano, pensei en todas as aventuras que me agarbarían máis aló. Coñecería novos lugares, novas xentes, se cada outros coma min, quen sabe. Tería que tentar lembralo todo para contalo cando puidese regresar. 

Mirando de novo polo portelo do avión aquela inmensidade que levaría alí, agardando, desde un tempo tan antigo como o ceo, e que eu apenas coñecera até unhas semanas atrás, pensei na fermosa liberdade de voar de novo como unha pluma, como un abano. Ía ver por fin o mundo. Embargoume unha felicidade súbita. 

Un sorriso, como a frescura da alborada, asomou aos beizos de Francesca enchendo a súa mente de recordos mentres pechaba os ollos e comezaba a adurmiñar.

Sen dúbida, pensei, ía ser divertido.



O presente texto, xunto con outros do autor e varios doutros autores (José Luis Puerto,  Sol Gómez Arteaga, Bruno Marcos...), formará parte da antoloxía Cuentos de la nueva normalidad. León: Marciano Sonoro. 2020.


18 de xul. de 2020

0 comentários :

Danos a túa opinión