Xurxo Souto presenta 'Pangalaica'

Redacción. -

O vindeiro sábado, ás 19 horas, Xurxo Souto presenta no auditorio da Casa-Museo Manuel María (Outeiro de Rei da Terra Chá), Pangalaica. Recortes poderososOitenta pequenos relatos que foron escritoe publicados durante o confinamento no xornal Nós Diario e que agora son recollidos e ilustrados nun libro editado por Galaxia. A publicación tirada no mes de novembro vén de esgotar a súa primeira edición.

Pangalaica recolle as historias e as persoas marabillosas que Xurxo Souto foi topando nas súas viaxes por Galiza adiante. Petiscos cheos de humor que acaban conformando unha cosmovisión alternativa do país: é mentira a fronteira entre o rural e o urbano; todas somos da aldea; Vigo e mais A Coruña son a mesma cidade!… (achegamos ligazón onde o propio escritor fala deste traballo https://www.youtube.com/watch?v=y9_0ul8V62Q&t=350s)

Xurxo Souto (A Coruña, 1966). Músico e escritor, en 1988 comezou a colaborar en diferentes medios de comunicación, nomeadamente na radio, onde conduciu os programas A Tropa da Tralla (Radio Coruña) ou Aberto por Reformas (Radio Galega). Escribiu dúas novelas e varios libros de relatos. Dirixiu a película documental Pucho Boedo, un crooner na fin do mundo. Con outros compañeiros do barrio creou Os Diplomáticos de Monte-Alto, conxunto bravú. Tocou o acordeón en Tres Trebóns e, agora, é un dos compoñentes da Banda Xangai.

A entrada para asistir a esta actividade é libre mais é imprescindíbel anotarse en contacto@casamuseomanuelmaria.gal ou a través do whatsapp 698177621.

14 de xan. de 2021

0 comentários :

Danos a túa opinión