Unha manda de pezas para Isaac

Redacción. -

O pasado mércores, 3 de febreiro, a iniciativa de Alento Esbravexo, "Unha manda de pezas para Isaac", cumpría douscentos días e celebraba que outras tantas pezas forman parte da homenaxe. Case medio ano de traballo diario (con altruísmo e sen recursos) e duascentas foron as mandas publicadas, aínda que moitas máis as persoas e institucións que colaboraron nesta idea. "Idea de memoria e recoñecemento que nace do pobo, que é do pobo e serve para honrar a un fillo del, a Isaac Díaz Pardo", din desde Alento Esbrabexo.

Así se presentaban Alento Esbravexo en xullo de 2020: "Neste ano 2020 conmemórase o centenario do nacemento de Isaac Díaz Pardo . En que casa non temos unha das súas pezas? Quen non agasallou cunha delas ou cun dos libros de Ediciós do Catro? Quen non gozou dalgunha das súas tendas, galerías de arte, casa da cultura? Quen non sentiu orgullo da fabrica de Cervo ou o Museo de Arte Contemporánea Carlos Maside ? QUEN SOMOS Alento esbravexo. Somos un grupo de persoas que non queremos deixar pasar esta data sen ofrecer a nosa contribución e a de todas aquelas dispostas a pór unha flor/peza nesta celebración. Somos sociedade civil, con toda a humildade e a grandeza, disposta a seguir recoñecendo a un dos nosos. El foi un expoñente representativo desta cidadanía activa sempre en disposición de botar a andar, cando foi necesario."

Na iniciativa teñen colaborado xente como: Baldo Ramos, Concha Blanco, Antonio Seijas, María Canosa, Héitor Picallo, Marica Campo, Mero, Helena Villar Janeiro, Xesús Rábade, Carmiña Álvarez de Soutomaior, Mario Paz González, Esperanza Lema, Miro Villar ou Eva Veiga, entre outros. 

8 de feb. de 2021

0 comentários :

Danos a túa opinión