Novo traballo de Postergel

Redacción.-

Postergel, de Vilalba, andan a presentar o seu novo traballo nas redes sociais dun xeito moi orixinal. O primeiro día de cada mes dan a coñecer a portada do single na súa conta de Instagram e, xa a mediados, o novo tema cun vídeo en Facebook e Instagram até completar os doce que conforman o conxunto desta nova entrega. Os temas presentados ata o de agora son: “En mi cama” (xaneiro), “Tu viaje” (febreiro) e “Qué sola estás” (marzo). En abril verá a luz o cuarto, “Obturador”. 

Trátase xa do terceiro disco (tras Curvatura Espacio Tiempo, de 2012, e Microuniversal, de 2017) desta banda chairega formada por José M. Fernández (guitarra e voz), Luis Mato (baixo), Jesús Iglesias (guitarra y coros) e Juan Manuel Rego (batería), aos que se incorpora nesta ocasión Karine Pelletier.

Trayectoria de Postergel
Desde que se formou en 2003, a banda non parou de dar guerra levando por salas e festivais do noroeste peninsular (FIV, Felipop…) o seu son enérxico, as súas guitarras desbocadas e as súas melodías envolventes. Como nos traballos anteriores, nesta nova entrega mesturan diferentes estilos musicais como o punk-rock, o pop e ritmos psicodélicos, esta vez aderezados de guitarras contundentes, que non deixarán indiferentes aos seus seguidores. 

Rock na Chaira 
Vilalba conta cunha longa tradición musical, desde as bandas de música de comezos do século XX até as orquestras como a "Nueva Lira" da posguerra, a explosión folk que supuxo "Xorima" na música galega e as bandas de rock dos anos oitenta e noventa. Algúns dos compoñentes dos pioneiros Rock Panda integraron unha banda hoxe senlleira, Los Degenerados. Naquel tempo xurdiron outras como Mindanao se hunde, The Vicentes ou Delirios de Ramón. Algúns membros das tres primeiras conformaron Queno y los malos hábitos xunto con Queno Eimil, o que fora guitarrista de Xorima. Por outa banda, integrantes de Delirios de Ramón formarían logo Alicia y los Malicia e, xa no século XXI, Ed Gein Pills, Carlito’s Way, Postergel e a contundencia punk rock de Mi perro Vincent. Tamén nas últimas décadas téñense escoitado outros nomes como Irmandades do falo ou A banda íntima de Martin Frost, autores da versión rock do "Himno galego", e os amantes do rock psicodélico Magical Colors.

Podes seguir a presentación dos novos temas de Postergel nas seguintes plataformas: 

6 de abr. de 2021

0 comentários :

Danos a túa opinión