'Quérote canto' gaña o XXXVI Losada Diéguez

Redacción. -

O libro de poemas "Quérote canto" de Baldo Ramos e Eva Veiga (Editorial Galaxia), na modalidade de Creación Literaria; e "O Reino medieval de Galicia" de Andrade Cernadas e López Carreira (Edicións Xerais), dentro da categoría de Investigación e Ensaio, foron seleccionados onte polo xurado que lles otorgou o Premio Antón Losada Diéguez na súa XXXVI Edición. 

En relación á obra "Quérote canto", o xurado destaca "a singularidade escollida polos autores na metodoloxía que se traduce nunha resonancia creativa. Dúas voces asentadas e diversas de lírica de noso que transitan camiños distintos nunha estancia común, conseguen conmover aos lectores. Velaí o milagre da poesía".

Sobre o traballo "O Reino medieval de Galicia", o xurado valorou "a achega orixinal dos autores ao coñecemento da historia medieval de Galicia, rescatando do esquecemento a existencia do reino de Galicia con rigorosidade e carácter divulgativo, combinando ensaio e investigación en fontes tanto cristiás como musulmáns, con paixón polo pasado temperada polo coñecemento académico e ben fundamentado". 

O xurado reuniuse no salón de plenos do Concello do Carballiño, concello ao que lle tocou este ano a organización, que alterna co de Boborás, e contando co apoio da Deputación provincial de Ourense. En total, optaron ao premio 30 libros na modalidade de creación literaria, dos que foron descartados oito por non cumprir as bases. Debido a isto, o xurado propón que se modifiquen o requisitos no referente á participación de obras que xa fosen premiadas noutros certames para que non sexan excluídos. Así mesmo, en investigación e ensaio presentáronse 18, cumprindo todas elas os requisitos. "Un señor elegante", de Suso de Toro, foi a obra finalista en creación literaria, e "Irmandiñas", de Aurora Marco Rodríguez, en investigación e ensaio. O premio está dotado con un total de 12.000 euros.

25 de abr. de 2021

0 comentários :

Danos a túa opinión