Regresa o FIV

Redacción. -

O FIV está de volta. Celebrará este 2021 a súa 14ª edición, os días 17, 18 e 19 do próximo mes de setembro. Unha oferta musical que naceu anos atrás ao amparo das Festas Patronais de Vilalba e que, tras máis dunha década de historia, foi adaptándose aos tempos ata converterse nun referente do calendario festivaleiro nacional. Foi a partir da cuarta edición cando o festival adquiriu entidade propia, celebrándose ininterrumpidamente nos meses primaverais ano tras ano; ata a chegada da Covid19. Agora, tralo parón provocado polas circunstancias sanitarias, o FIV de Vilalba está, por fin, de volta; e faino adaptándose aos tempos.

Trátase dun evento único, no que a música se mestura con outras disciplinas atractivas que completan a experiencia. Un acontecemento clave para Vilalba, que pode desenvolverse grazas á aposta do concello por manter esta cita nun ano complexo, e que supón para a localidade unha inxección importante na revitalización económica, tan necesaria trala crise dos últimos meses. Emprego, promoción da localidade, e atracción do turismo. Repercusión para a vila de Vilalba non só a nivel comunitario, senón tamén a nivel nacional.

Serán tres días consecutivos de música e actividades, nos que os diferentes artistas actuarán simultaneamente nos escenarios situados na Praza da Constitución e no Campo da Feira. Enclaves queacollerán este novo FIV; espazos amplos que permiten a adaptación aos tempos e aos protocolos vixentes. Pois a edición deste 2021 será, ante todo, segura. O cambio de escenarios respecto a edicións anteriores, así como a modificación das datas, garanten a celebración do festival. Fan que o seu desenvolvemento sexa posible de acordo coas medidas sanitarias, e aseguran a súa viabilidade cara a edicións futuras.

O festival é tamén un dinamizador cultural do territorio. Polos seus diferentes escenarios pasaron recoñecidos artistas de primeira liña do panorama actual, e nesta edición manterase o aceno de identidade de perfil de bandas nacionais de corte indie / pop / rock, con algúns artistas xa habituais do festival.

Xoel López, Zahara, Novedades Carminha, La Bien Querida, Melenas, Ortiga, dani, Momboi, Petit Pop, Magical Colours, beGun dj set e Rapariga Djson as confirmacións dun atractivo cartel que fará que o público volte a gozar. O FIV Vilalba contará ademais cun espazo para artistas emerxentes no que os e as asistentes terán a oportunidade de descubrir ás voces do futuro.

Este festival marcou, de sempre, a apertura do calendario festivaleiro. Conta ademais cun público fiel en cada unha das súas edicións, e vese como unha proposta cultural accesible para un público de case calquera idade. Esta edición conxuga a esencia do propio FIV marcada por artistas habituais e concertos xa consolidados como o da Banda Municipal de Música de Vilalba, con outras novidades. Deste concepto nace FIV KIDS, un espazo para os pequenos e as pequenas da casa, no que gozarán de ofertas adaptadas aos seus intereses.

O FIV, xunto ao Concello de Vilalba, dará nesta edición continuidade á programación paralela do festival, aproveitando distintos espazos da localidade, dinamizando e ampliando a actividade na vila. Actividades paralelas, aderezadas coa mellor música indie do panorama nacional, e coa posibilidade de combinalo todo coa oferta gastronómica local. Trátase de renacer, pero sen perder a esencia, sen embargo, un novo FIV necesita unha nova imaxe, de aí o cartel desta 14ª edición do festival, no que se destaca a importancia e o protagonismo de Vilalba.

Proximamente ampliarase información sobre as actividades paralelas do festival.

22 de xul. de 2021

0 comentários :

Danos a túa opinión