Viñetas desde o Atlántico

Redacción. -
O Concello da Coruña acollía na mañá deste 27 de xullo a presentación do vixésimo cuarto Salón Internacional do Cómic Viñetas desde o Atlántico, que se desenvolverá na cidade entre os vindeiros 9 e 15 de agosto. Miguelanxo Prado, director do evento, daba a coñecer neste acto a listaxe de artistas que visitarán o encontro, protagonizarán exposicións e asinarán exemplares dos seus traballos. Segundo destacou, "este Viñetas 2021 é o da supervivencia positiva, o salón que se executará nunha fase próxima á normalización absoluta e fará de ponte coa celebración do 25 aniversario de Viñetas no 2022".

Entre os nomes que paraticiparán no evento, destaca o dun galego, Das Pastoras, que amosará os orixinais do seu flamante traballo Hércules 1417, que conta con guión de Pedro Villora. Canda a el, poderá verse a adaptación de Dune á BD que realizaron Raúl Allén e Patricia Martín, mentres Pepe Larraz achegará os superheroes que realiza para a editorial Marvel en Estados Unidos.

Pola súa banda, dous pesos pesados do panorama estatal, os multipremiados Javier Olivares e Santiago García protagonizarán unha exposición no Kiosko Afonso con orixinais das súas obras La Cólera e mais Las Meninas, coa que obtiveron o Premio Nacional do Cómic de España en 2015. Núria Tamarit, autora do recoñecido Avery's Blues, Jaime Martín, coa súa triloxía sobre a recente historia de España, e mais Tyto Alba, coñecido pola súas biografía en banda deseñada de autores como Casagemas, Picasso, Fellini, Balthus ou Whitman estarán tamén presentes no evento.

Outra protagonista do festival será Teresa Valero, nominada aos premios Eisner 2021 con Contrapaso e autora do cartel desta xeira. Do noso país chega o dúo formado por Fernando Llor e Miguel Porto, que continúan no evento os recoñecementos á súa obra Subnormal, dedicada ao acoso escolar.

Canda ás exposicións de todos os nomes convidados, tamén se poderán ver mostras dos premios Castelao de Banda Deseñada 2020. Deste xeito, a Sala Salvador de Madariaga acollerá Adeus amigos, de Begoña García-Alén e As aventuras de Passer P. Malta, de Andrés Magán. A Torre de Hércules acollerá tamén unha mostra que compila todos os carteis que tivo o Salón ao longo da súa historia.

Como é habitual, haberá encontros con autores e autoras e sesións de sinaturas, así como o mercado dedicado á banda deseñada nos xardíns de Méndez Núñez. Despois do remate das actividades, as exposicións permanecerán abertas ata o vindeiro 5 de setembro. A organización adiantou que todas as actividades se desenvolverán de acordo aos protocolos sanitarios vixentes no nomento da celebración.

27 de xul. de 2021

0 comentários :

Danos a túa opinión