Podcast 'Os incurabeis'

Redacción. -

Máis de 50 persoas participaron no podcast “Os Incurábeis” unha iniciativa de Son Radiofusión. Forma parte do proxecto "O meu libro" de captación de novos públicos para a literatura galega. No acto celebrado o venres 17 de setembro de 2021 no local do Círculo de Fene fíxose un repaso pola historia do podcast como formato de éxito desde que a BBC apostou en 2004 por este tipo de programas. O “Serial” de Sarah Koenig, producido para unha radio local en Estados Unidos de América, e que logrou máis de 70 millóns de oíntes, tamén se citou no evento. 

O secretario de Son Radiofusión Henrique Sanfiz explicou a vontade de continuidade da produción, anunciado que o grupo de teatro ou cadro dramático da entidade pasa a denominarse “Merlín e familia”. “Como Alvaro Cunqueiro queremos crear un retablo de xentes irmandadas no gozo vital, coa carga de humor de convén ao feito de vivir” sinalou. O escritor Antonio Tizón enmarcou a novela “Os Incurábeis” (publicada por Xerais en 2020) nunha saga que terá continuidade en 2022 con “Lobos doentes”. Explicou a utilización da “novela negra” para describir o ambiente social e político do cambio de século en Galicia pero tamén para abordar o padecemento das doenzas mentais.
A directora do podcast Eugenia Sanmartín gabou o labor dos actores e actrices e de numerosas persoas colaboradoras coa iniciativa. Rematou o acto coa súa interpretación da canción “Os Incurábeis” musicado por Miro Casabella a partir dun poema do escritor arxentino Pedro Bonifacio Palacios “Almafuerte” (Siete sonetos medicinales).

O caso de Paloma Bieito
A trama da novela comeza co asasinato dunha muller na Coruña. Adaptou á novela para o podcast Antonio Tizón. Participaron na iniciativa as voces de Franki Muiño, Oskar Gáez, Rogelio Arias, Helga Méndez, Eugenia Sanmartín, Quique Zas, Isabel Solares, Elisabet Naveiras, Carlos “El Chigri”, Marité Sieiro Piñó, Leo Toral, Ramón Rodríguez, Nelu Vermouth, Minucha Vázquez, César Castro, Teresa Vence, Enrique Rodríguez, Xesús Novo, José Piñeiro, Vicky Sás, Matilde Castro, Ángela Arias, Fran Funkasta, Carmen Sixto, Maria Cordal e Cristina Mariño. Tamén colaboraron Daniel Garcia Fernández, Alba Garcia Vázquez, Cándido Barral, Isabel Bravo e Juan Carlos Díaz del Valle. Participaron igualmente Xan Xe Corral coa fotografía, Olalla Pazos e Xabier Fernández no control de son e Antón Ramos na composición da banda sonora.

Fotografía: Xan Xe Corral (Parte do elenco de "Os Incurábeis" no CMI Unidade de Fene

23 de set. de 2021

0 comentários :

Danos a túa opinión