Exposición de Cristina Garrido en DIDAC

Redacción. -

Hoxe sábado 30 de outubro ás 12.00 horas inaugurouse a mostra El mejor trabajo del mundo na Fundación DIDAC, un proxecto site-specific no cal Cristina Garrido reflexiona sobre a realidade oculta tras a idea de éxito, habitualmente atribuida á creación artística.
 
Con El mejor trabajo del mundoCristina Garrido converte o espazo expositivo da Fundación DIDAC nunha sorte de escenario que servirá para desenvolver as historias de oito personaxes. Estas historias proveñen dunha serie de conversas mantidas ao longo do último ano con Esther Ibarrola, Antonio Zúñiga, Sergio Ojeda, Alberto Sánchez, Miguel Lorente, Luisa Redondo, Jaume Alcalde e Joaquín Vila, creadores e creadoras que formaron parte do circuíto artístico contemporáneo ata que, por diversos motivos, decidiron ou se viron obrigados a abandonar a súa actividade.
 
Cristina Garrido evidencia unha cuestión habitualmente invisibilizada tanto pola crítica como polos medios de comunicación e a historiografía oficial: as relacións entre éxito e creación e as complexas armazóns que engloban o mundo profesional do sector. Así, entran en diálogo elementos que fan referencia a momentos, personaxes ou pezas icónicas da historia da arte con obxectos cotiáns cuxo potencial simbólico permite continuar ganduxando unha narración en relación aos mitos e obstáculos da carreira artística.
 
A exposición, comisariada por Performa S.coop. Galega, irá acompañada dunha publicación, editada pola Fundación DIDAC, con textos de Olga Fernández, Joshua Simon e Marta Ramos Yzquierdo.

30 de out. de 2021

0 comentários :

Danos a túa opinión