Mercedes Peón estrea 'Ósmose'

Redacción. -

A Coruña acollerá a estrea oficial do novo espectáculo de Mercedes Peón, Osmose. A cita terá lugar o venres 26 de novembro no Teatro Rosalía de Castro. Tras dúas exitosas preestreas en Madrid (Teatro Conde Duque) e Barcelona (Festival TNT) culmina o proceso de creación nesta estrea oficial. Unha performance audiovisual para teatros e auditorios cargada de música, emoción e todo o universo de Mercedes Peón en escena.

Osmose é unha pregunta escénica canalizada a través da música e as súas corporalidades. Plantéxase un espazo de relación entre o imaxinario de creación colectiva con imaxinarios atravesados polo capital. Relación entre elementos, sistema que filtra corpos incorporados á producción. Corpos sen xénero distribuidos no binarismo de poder e subalternidade.

A peza está participada e atravesada pola obra Nación, de Margarita Ledo, en diálogo coa intervención visual de Peque Varela, en diálogo, tamén, co traballo lumínico e escénico de Laura Iturralde.

O universo creativo de Mercedes Peón combina artesanía musical e vangarda mentres mantén o seu discurso, sempre social e feminista. A súa música achega unha variedade compositiva que arrinca desde a polirritmia, baixo a mirada dos ritmos máis ancestrais, culminan en temas eclécticos e descaradamente vibrantes. O seu amplo repertorio, e a enerxía que se apodera de cada unha das súas actuacións, fan desta muller unha figura fundamental da escena etnocontemporánea en Europa.

23 de nov. de 2021

0 comentários :

Danos a túa opinión