Día dos Medios en Galego

Redacción. -

Cada 7 de febreiro, trala súa declaración institucional no Parlamento de Galicia, a Asociación de Medios en Galego organiza, coa colaboración da Xunta de Galicia e da Deputación da Coruña, e neste caso co Concello de Santiago, o Día dos Medios en Galego. Unha celebración que lembra a saída da primeira publicación xornalística realizada integramente en galego, O Tío Marcos d’A Portela, en 1876.

As máis de 30 cabeceiras que formamos a AMEGA (https://mediosengalego.gal/medios-en-galego/) e os máis de 140 medios que fan comunicación na nosa lingua  (https://mediosengalego.gal/100-medios-en-galego/), queremos festexar un ano máis esta data.

O lema deste ano será “Bota a lingua a pacer”.

Farémolo dun xeito adaptado á situación actual, cun Roteiro por Santiago de Compostela, vinculado coa lingua galega.

O Roteiro “Compostela e a lingua” desenvolverase o sábado 5 de febreiro, con saída ás 11:30h da Rúa Nova, 34. Durante o roteiro, que estará acompañado polo pasarrúas de Xulio Maside, iranse realizando paradas en lugares simbólicos na loita polo mantemento do idioma.

A primeira será diante da placa dedicada a Roberto Vidal Bolaño, no Salón Teatro. Alí a compañía de teatro Os Quinquilláns representará unha pequena escena dunha das obras do célebre dramaturgo, conmemorando así o vinte aniversario so seu pasamento.

Despois, o roteiro continuará na Praza da Universidade, no antigo Restaurante El Asesino, onde o filósofo Antón Baamonde nos descubrirá a importancia dos faladoiros que había nos locais de hostalería composteláns en tempos de crise.

O escritor Bieito Iglesias será o encargado de vincular a relación entre a Universidade de Santiago de Compostela co galego, noutra parada que se realizará na Facultade de Xeografía e Historia.

Haberá tamén unha visita no Colexio de Santo Agostiño, onde a profesora Anxos García Fonte debullará a relación de Rosalía de Castro coa cidade.

Xa na praza de Cervantes, na Zona C, fará un espectáculo poético-musical a carballesa Rosalía Fernández Rial, despois de que representantes das entidades organizadoras e colaboradoras dean unhas palabras.

26 de xan. de 2022

0 comentários :

Danos a túa opinión