Tempus fugit

Kiko da Silva.-

Hai uns anos, falando con Miguelanxo Prado sobre o noso oficio de creadores de libros de banda deseñada, fíxome pensar nalgo que ata ese momento non pensara nunca. 

O tempo voa, o teu corpo non é o mesmo co paso dos anos e os proxectos de bd nos que vas invertir os anos que che quedan e o esforzo que vai supoñer facelos, cambia moito as túas prioridades.
Temos un tempo limitado, pero cando somos novos non pensamos niso, e cando maduramos estamos tan inmersos na maquinaria de pagar facturas, hipotecas e crecer profesionalmente que nos esquencemos de pararnos a pensar nestas cousas.

Grazas a esa conversa cambiei a miña maneira de traballar, comecei a pensar máis en min e menos no "futuro", e os proxectos nos que me involucro son aqueles nos que realmente me apetece "gastar" o meu tempo. Tamén fun máis consciente que a vida non é só traballar, e que se queres facer cousas, viaxar, aprender ou simplemente disfrutar dos teus, tes que facelo xa! O mañá igual é demasiado tarde.

É algo que hoxe me viu á cabeza mentras me ofrecían un plan de pensións e me ían contanto os anos de vida que me quedaban... non me "venderon" o plan de pensións, pero fixéronme recordar aquela conversa con Miguelanxo e puxéronme sobre a mesa o meu reloxo vital a día de hoxe.

Seica teño (se non hai accidentes ou virus mortais que mo impidan) 38,5 anos de vida. Quédame segundo as estadísticas, algo menos do que xa vivín. Facer unha bd é algo lento, complexo e que esixe tempo e esforzo. Para que o entenda todo o mundo, unha bd de 48 páxinas como Asterix tárdase en facer 1 ano ou 2, dependendo se o fas só ou cun equipo de 2 ou 3 persoas. Eu xa invertín case 10 anos en BAIXO A SOMBRA DAS PEDRAS FLOTANTES, e aínda me queda algo máis de tempo para terminalo... o reloxo corre e as ideas amontónanse na mesa de debuxo. Teño que rematar isto e decdidir en cal historia invierto o meu tempo.

Penso invertilos o mellor que poida... e prometo facer algúns libros de bd alomenos interesantes.

Espero que esto tamén vos faga aproveitar o tempo o mellor posible... xa sabedes, Tempus Fugit.

Imaxe que acompaña ao texto: Kiko da Silva.

Lido no Facebook de Kiko da Silva: https://www.facebook.com/KIKODASILVA

16 de xan. de 2022

0 comentários :

Danos a túa opinión