O Concello inaugura o parque de Rosalía

Redacción. -

O Concello de Vilalba celebrou hoxe a inauguración do nomeamento como Parque Rosalía de Castro ao situado entre as rúas Calvario e Rouco Varela, unha iniciativa aprobada polo pleno do Concello a proposta do Instituto de Estudos Chairegos.

O acto contou coas intervencións da alcaldesa de Vilalba, Elba Veleiro; a presidenta do Instituto de Estudos Chairegos, Marisa Barreiro; o membro do IESCHA  e canteiro, José Gómez de Bernardo; e o presidente da Fundación Rosalía de Castro, Anxo Angueira, quen realizou un relatorio previo no Auditorio Municipal sobre a figura da escritora.

Procedeuse ao descubrimento dun monólito cedido para este espazo polo IESCHA, cuxa pedra provén da casa da escritora en Padrón, feito polo canteiro José Gómez de Bernardo, cuns versos de “Lieders”, publicación considerada como o primeiro manifesto feminista.

O parque conta tamén desde hoxe cunha filla da Figueira de Rosalía (Ficus Carica), exemplar doado pola Fundación Rosalía de Castro ao pobo de Vilalba. A Figueira de Rosalía é unha árbore monumental e senlleira dos tempos da autora (século XIX), un dos rexistros florísticos máis prezados de Galicia.

Ademais, o Concello de Vilalba colocou unha placa distintiva e tamén se procedeu ao seu descubrimento.

Participaron do acto de inauguración os poetas Lois Gayoso e Clara Blanco, así como unha representación das Pandereiteiras de Andrade, que cantaron e recitaron un poema musicado da escritora.

Este acto está enmarcado dentro das Xornadas Rosalianas, organizadas pola NPG, o Instituto de Estudos Chairegos (Iescha) e o Concello de Vilalba.

13 de feb. de 2022

0 comentários :

Danos a túa opinión