Fixe Trío na Casa do Manuel

Redacción. -

Este sábado, día 2 de abril, ás 20 horas, a formación Fixe Trío, subirá ao cenario do auditorio da Casa-Museo Manuel María para interpretar ao público asistente pezas do seu traballo Sempre Fixe, así como das súas últimas e recentes composicións. Será unha viaxe atlántica a través dun universo de composicións orixinais e temas populares arranxados e interpretados co seu son particular.

O grupo conformado por Xela Conde (voz e instrumentos varios), Blanca Marigómez (cello e voz) e Joel Fontán (guitarra e voz) nace da vontade de xerar un espazo onde poder expresar inquedanzas e desexos a través da música. Veñen de ámbitos culturais diversos e partillan a idea da música como canle de expresión e comunicación libre e transgresora.

Os instrumentos principais deste trío son a voz, o cello e a guitarra, e tamén aparecen outros timbres como violíns, frautas e diversos instrumentos de percusión. Con eles e cunha escenografía coidada crean un ambiente acolledor que convida ao público a participar dos seus emocionantes concertos.

https://www.youtube.com/watch?v=3023G-j4XE8

https://www.youtube.com/watch?v=1r5Ty-gYcbQ

31 de mar. de 2022

0 comentários :

Danos a túa opinión