Adeus a "Mincho" Villar


Moncho Paz. -

As Letras Galegas están de loito. Foise Mincho. Falar de Domingo Villar, finado hoxe aos 51 anos debido a unha hemorraxia cerebral fulminante, é falar da ría de Vigo e da novela negra como xénero literario, por nacemento e por vocación. Nado na cidade olívica en 1971, o seu vencello coa urbe non foi só por familia, senón tamén por propia elección, como escenario de enredos e intrigas. Domingo exerceu sempre de “vigués universal”, aos catro ventos.

Autor dunha triloxía de éxito, que comezou en 2006, cando publicou o seu primeiro traballo 'Ollos de auga', foi realmente co segundo, 'A praia dos afogados' (2009) cando se consagrou no panorama estatal e internacional da novela negra, acadando un gran éxito en vendas e de crítica. Tras un parón de varios anos, asociado fundamentalmente ao pasamento do seu pai, en 2019 saiu do prelo 'O último barco', título da súa derradeira novela publicada. Nesta obra recupera a figura do inspector Leo Caldas como protagonista, un personaxe que -ademais da súa profesión de policía- tamén amosaba a súa paixón polo mundo da radio. Con nocturnidade e alevosía, como ten que ser.

Domingo -Mincho para os amigos- foi un dos nomes máis importantes do país neste xénero e un auténtico supervendas… E non só dentro do territorio nacional, pois tanto 'Ollos de auga' como 'A praia dos afogados' foron traducidas a máis de quince idiomas, levando as rúas da súa prezada Vigo natal máis aló das nosas fronteiras. En 2014 realizouse a adaptación ao cine de 'A praia dos afogados', dirixida por Gerardo Herrero, que contou con localizacións en Vigo, Nigrán e A Garda, así como cun reparto de actores no que atopamos a Carlos Blanco, Tamar Novás ou Marta Larralde.

Domingo autodefiníase como “pesimista alegre”. Grazas ás súas obras, recolleitou un gran número de recoñecementos, como o Novelpol en dúas ocasións, o Antón Losada Diéguez, o Premio Sintagma, o Premio Brigada 21, o Frei Martín Sarmiento ou o Libro do Ano da Federación de Libreiros de Galicia. Tamén foi finalista doutros importantes galardóns como os Crime Thriller Awards e Dagger International no Reino Unido, do premio Le Point du Polar Européen en Francia e do premio Martin Beck da Academia Sueca de Novela Negra.

Paradoxos da vida, hai un par de meses Domingo Villar recibía na súa cidade natal o título de Vigués Distinguido, por unha traxectoria literaria na que Vigo sempre estivo nun lugar moi especial; mais o seu maior recoñecemento, sen dúbida, foi a súa lexión de lectores -entre os que me inclúo- e o gran éxito co que encandilou ao público como autor. Un grande das nosas letras que hoxe nos deixou sen previo aviso. DEP, Mincho. Ata sempre e boa viaxe!!!

19 de maio de 2022

0 comentários :

Danos a túa opinión