Premios Xoán Vicente Viqueira

Redacción. -

A xornalista Ana G. Liste e a psicóloga Victoria Canosa resultaron as gañadoras en cadansúa categoría da primeira edición dos Premios de Comunicación Xoán Vicente Viqueira que convoca o Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia, en colaboración coa aseguradora Brokers’88(link is external). Así mesmo, o xurado fixo mención da xornalista Selina Otero así como da psicóloga Manuela del Palacio. A entrega terá lugar o 20 de maio ás 18 horas no Pazo de Rianxiño, en Rianxo, no marco do acto Achegas da Psicoloxía, que organiza a corporación colexial desde 2009.

O xurado, constituído por membros do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia e representación do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, destacou na categoría de do premio xornalístico a reportaxe de Ana G. Liste publicada no xornal online Praza “O impacto da tensión familiar pola COVID na infancia, o reto pendente para despois da pandemia”(link is external), pola súa abordaxe do impacto psicolóxico na poboación máis nova da pandemia, recorrendo a fontes expertas para expoñer a necesidade de recursos. Así mesmo, estimou outorgar unha mención á entrevista “Cuando alguien tenga ideas de suicidio que acuda al médico, que no espere”(link is external), publicada por Selina Otero no Faro de Vigo, a profesionais da Unidade de Prevención do Suicidio de Vigo, poñendo en valor o papel da psicoloxía e deste tipo de dispositivos para previr este grave problema de saúde pública.

Na categoría do premio de Comunicación, o xurado estimou o blog “Nunca es tarde para sentirse mejor”(link is external) como a proposta gañadora, presentada pola psicóloga Victoria Canosa, un traballo continuado de divulgación da psicoloxía, de promoción da saúde, desde a responsabilidade e a vocación de servizo público. Tamén acordou destacar a candidatura de Manuela del Palacio, destacando a entrevista emitida na Radio Galega “A orientadora Manuela del Palacio salienta a necesidade de ensinar aos cativos a seren resilientes”(link is external), polo seu exemplo divulgando o papel da Psicoloxía Educativa e os seus beneficios no coidado da saúde mental dos máis novos.

O xurado destacou a alta calidade das propostas presentadas, que foron un total de 21 traballos en distintos formatos e recollendo as distintas perspectivas da profesión publicados ao longo de 2021. Os Premios de Comunicación Xoán Vicente Viqueira son unha iniciativa coa que pretende recoñecer o labor divulgativo da Psicoloxía nos medios de comunicación social. De acordo coas bases, están contempladas dúas categorías, dotadas con 2.000 euros cada unha delas.

O Premio Xornalístico do COPG valora a contribución de xornalistas á divulgación da Psicoloxía e da profesión na sociedade a través dos medios de comunicación, mentres que o Premio de Comunicación distingue a aqueles psicólogos e psicólogas colexiadas do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia que colaboren de forma frecuente e continuada cos medios de comunicación co obxectivo de divulgar a profesión da Psicoloxía na sociedade, desde o rigor, a ética e a vocación de servizo público.

O xurado estivo presidido pola decana do COPG, Mª Rosa Álvarez Prada, e constituído por Ángel Palomino, xerente de Brokers’88; Alejandra Fernández Rodríguez, vicesecretaria e coordinadora da Comisión para a Defensa da Profesión do COPG; José Manuel Oreiro Blanco, vogal de publicacións do COPG; Concepción Rodríguez Pérez, coordinadora da Comisión de Cultura do COPG; Moncho Paz, membro do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia; e Eliana Martíns, responsable de Comunicación do COPG.

7 de maio de 2022

0 comentários :

Danos a túa opinión