Unha praza para Bernardo

Redacción. -

A Asociación Veciñal de Ferrol Lanuxe, presentou no rexistro municipal do Concello de Ferrol unha petición para adicar a Bernardo García Cendán a nova praza creada ao final da rúa Espartero, nas inmediacións da antiga Fábrica de Lapis como consecuencia da reurbanización da zona.

A idea xurdiu, como explica o devandito escrito, dun grupo de veciños e veciñas do barrio e é que Bernardo non foi só o cura da parroquia senón que estivo estreitamente vinculado ao día a día do barrio. 

Agora, só esperan que a proposta poida ser tida en conta e así o Concello bautice este novo espazo que, ao crearse como novo, non suporía ter que substituír ningunha outra denominación, aínda que sexa unha continuidade de Espartero.

Non é a primeira vez que desde o barrio queren homenaxear a Bernardo García e así na propia igrexa do Socorro celebráronse no seu día actos na súa homenaxe non só pola súa faceta de clérigo, senón polo seu importante labor cultural e como escritor. 

Numerosas figuras do mundo cultural da cidade e da comarca lembraron a García Cendán tras o seu falecemento, o 12 de xuño de 2012.

A publicación de "Unha alborada nova. Bernardo García Cendán", editada pola revista Encrucillada, da que García Cendán era membro activo, recolle o recordo que amigos e compañeiros trazan da polifacética figura do "cura do peirao". Nesta obra inclúense desde poemas e partituras de García Cendán até textos de Xosé Chao Rego, Xulio Xiz, Marica Campo, Manolo Regal ou Agustín Fernández Paz entre outros.

7 de maio de 2022

0 comentários :

Danos a túa opinión