Uxía no Convivio da Cultura Galega

Redacción. -

O Convívio da Cultura Galega, xornada lúdica e festiva organizada pola Casa-Museo Manuel María en colaboración coa Federación Galiza Cultura chega á súa IX edición. Será este próximo sábado, 9 de xullo, e o seu marco excepcional será de novo a carballeira de Santa Isabel de Outeiro de Rei, tras verse alterado nestes dous anos pola Covid-19. Faino da man dunhas das nosas cantoras máis salientábeis, Uxía.

Uxía e o instrumentista e compositor brasileiro Sérgio Tannus, que leva residindo na Galiza nestes últimos anos, actuarán ás 12.30 h na carballeira coa Banda de Música SONS E SOÑOS de Rábade, Begonte, Outeiro e Friol nun concerto especial preparado para a ocasión e dirixido por Armando Morales.

A Casa-Museo Manuel María anima e convida a todas as persoas a achegarse a Outeiro de Rei para presenciar este concerto tan especial á beira do Miño e partillar unha celebración festiva ao redor da figura de Manuel María. Esta xornada terá a súa continuidade nun xantar popular no que cada quen terá que levar a súa comida, mais que a organización dispón de mesas sempre que se reserve no whatsapp 698177621 ou por e-mail en contacto@casamuseomanuelmaria.gal.

Xa pola tarde será o momento dunha animada foliada conducida por Xurxo Souto e protanonizada por seis grupos de música diversa. Os primeiros en actuar serán Foliadeir@s do Castro de Begonte que estarán acompañados por Branca Villares, mestra de canto tradicional e pandeira, pandeiro e pandeireta e divulgadora do patrimonio musical galego. Airinhos do Fiouco, Parabéns, Birloque Gaiteiros e Tradivivas Agra serán os seguintes grupos en subir ao cenario, cerrando a foliada Xurxo Souto e o saxofonista, e director do Pardiñazo, Richi Casás.

Ás 11.30, no cemiterio parroquial de Outeiro de Rei, e antes do concerto de Uxía, Sérgio Tannus e a Banda de Música Sons e Soños, levarase a cabo unha ofrenda na campa de Manuel María, na que intervirá o presidente da Federación Galiza Cultura, Xosé Manuel Carril Vázquez. As entidades que conforman esta Federación manterán durante toda a mañá do sábado, no auditorio da Casa-Museo Manuel María, un encontro para programar novas iniciativas e levar a cabo accións en común para o ano próximo.

Máis información:
Alberte Ansede, secretario da Fundación Manuel María (616190349)
Xosé Manuel Carril, presidente da Federación Galiza Cultura (635457362)

7 de xul. de 2022

0 comentários :

Danos a túa opinión