Encontro con Brais Lamela

Redacción. -

O Instituto de Estudos Chairegos (IESCHA) organiza o acto de presentación do libro, editado por EUSEINO? “NINGUÉN QUEDA”, do que é autor BRAIS LAMELA.

O acto terá lugar o xoves 15 de decembro de 2022, ás 20:00 horas, na Casa da Cultura de Vilalba, e contará tamén coa presentación de Marisa Barreiro, presidenta do IESCHA, en diálogo co poeta Xabier Cordal e co autor do libro, Brais Lamela.

Entre o verán sufocante de Nova York e as montañas neboentas de Negueira de Muñiz, Ninguén queda segue os pasos dun mozo galego na metrópole norteamericana mentres rastrexa a historia dunha muller desaparecida nos asentamentos de colonización da Terra Chá levantados pola ditadura na década de 1960. Os pisos de estudantes no estranxeiro, as comunas que emerxen dos restos dos encoros e os personaxes ensimesmados que acumulan fragmentos de tempo esquecido conflúen nun relato sobre a existencia do fogar en circunstancias límite; un relato que traza o contorno do abandono e o desposuimento mais tamén o da supervivencia obstinada.

Cunha linguaxe interrompida, que transita e hibrida as fórmulas do ensaio interpretativo e as estratexias da ficción, Brais Lamela escribe unha obra sobre o arraigamento e a intersección de mundos, unha arquitectura literaria sutil que atopa novas posibilidades de escritura e asume desvíos e fracasos, un artefacto impuro, crebadizo, conmovedor. (euseino.org)

BRAIS LAMELA (Vilalba, 1994) viviu en Galicia ata os dezasete anos. Posteriormente, formouse en literatura comparada e historia nas universidades de Cambridge, Reino Unido, e Brown, nos Estados Unidos, grazas a diversas bolsas de estudo. Acadou premios literarios coma os Minerva, Ánxel Casal e Xuventude Crea. Actualmente, cursa un doutoramento en literatura na Universidade de Yale, onde tamén exerce a docencia. Ninguén queda é a súa primeira obra publicada.

12 de dec. de 2022

0 comentários :

Danos a túa opinión