Presentouse 'Aquí non pasa nada'

Redacción. -

Este xoves presentouse o libro “Aquí non pasa nada. Historias musicais de Lugo”, do músico, compositor e docente lucense Juan Castro Lodeiro.

A publicación, que sairá do prelo nos vindeiros días,  traza a historia da creación musical na cidade e na provincia a partir das testemuñas das persoas que participaron e participan dela e reivindica o potencial cultural, artístico e económico da música en Lugo.

Este repaso histórico ten presente os instrumentos sonoros achados en gravados e mosaicos da cidade, o pouso da lírica galego portuguesa, compositores como Xoán Montes e Gustavo Freire,  bandas municipais, corais e orquestras e demórase especialmente na historia de músicos, bandas, locais e programadores que protagonizaron a vida musical de Lugo nas últimas décadas.

Nesa liña, na presentación do proxecto, na que participaron a vicepresidenta da Deputación de Lugo Maite Ferreiro, o tenente alcalde Rubén Arroxo e o músico César López -de Los Gansos - , o autor  explicou o libro como un traballo para “dignificar os músicos de Lugo”  e lembrar que “Lugo foi uha canteira de músicos, artistas, creadores” fronte a cantinela do “Aquí non pasa nada” e agradeceu “a colaboración de todas as persoas que contaron a súa historia, como viviron, como formaron os grupos, quen lles axudou, onde tocaban ou que instrumentos tiñan" 

A Vicepresidencia da Deputación de Lugo colaborou, a través do Servizo de Publicacións, na viabilidade da edición, e amplificará o exercicio de memoria sonora e homenaxe á creación musical que motiva o libro cun ciclo de concertos.  Do 20 de abril ao 10 de maio, organizaranse seis presentacións acompañadas de actuacións de grupos emblemáticos da cultura musical en cada comarca, propiciando a volta ao escenario dalgunhas bandas como a lucense Los Gansos.

Maite Ferreiro explicou que “o libro é algo excepcional desde o punto de vista editorial, porque non se tiña publicado un traballo destas características sobre Lugo, pero tamén nos ofrece moitas posiblidades para seguir avanzando na posta en valor desta cultura musical”.

Así, anunciou que desde “a área de Cultura quixemos ir un paso máis aló neste exercicio de memoria sonora e homenaxe á creación musical cun ciclo de concertos polas diferentes comarcas. Acompañaremos a presentacion do libro nas diferentes localidades da actuación dun grupo emblemático da cultural musical local, dando cabida a todos os estilos musicais”.

Maite Ferreiro suliñou que “como constata e reivindica o libro, temos creadoras e creadores con talento e un público que responde cando se aposta en programacións de calidade e diversas, cando se apoia aos colectivos culturais, cando se ofrecen espazos axeitados e se inviste en cultura”

Concertos

20 de abril.  Lugo
Los Gansos

22 de abril. Foz.
The Lazy Bons

27 de abril. Vilalba
Irmandades do Falo

4 de maio. Sarria.
Malditos Roedores.

5 de maio. Chantada.
Tirapralá

10 de maio. Monforte de Lemos.
Gin Tonic´s

4 de abr. de 2023

0 comentários :

Danos a túa opinión