Fin de traxecto

Redacción. -

Cando se cumplen corenta anos do nacemento do xornal A Voz de Vilalba e despois de quince anos na rede da web avozdevilalba.gal, este medio despídese o vindeiro venres 5 de maio coa presentación de catro libros que escolman unha pequena mostra dos artigos publicados na web ao longo destes quince anos. 

Trátase de catro volumes editados polo Instituto de Estudos Chairegos, como parte da súa colección Biblioteca Chairega, que contan con cadansúa ilustración de portada a cargo do poeta e artista plástico Baldo Ramos. O libro Outras voces, con limiar de Marisa Barreiro, presidenta do Iescha, contén corenta artigos (un por cada ano desde o nacemento do xornal en 1983) de, entre outros: Agustín Fernández Paz, Fermín Bouza, Helena Villar Janeiro, Ramón Chao, Bernardo García Cendán, Antón Baamonde, Xulio Xiz… Os outros tres volumes, escolman parte dos textos publicados na web polos tres responsables de avozdevilalba.gal, Paulo Naseiro (Baixo a Pradia, con limiar de María Xosé Lamas), Moncho Paz (Pílulas de vendimario, con limiar de Pilar Maseda e Iria F. Crespo, e epílogo de Miguel Barrera) e Mario Paz González (Como rematar cos libros dunha vez por todas, con limiar de Helena Villar Janeiro). 

O acto de presentación contará coa intervención do xornalista Baruk Domínguez e de Marisa Barreiro, presidenta do Iescha, e terá lugar na Casa da Cultura de Vilalba, o venres 5 de maio de 2023, ás 20:00 horas. A Voz de Vilalba (1983) foi un proxecto de comunicación creado por tres rapaces vilalbeses que durante tres anos sacou á rúa vinte e sete números, converténdose no último dos medios locais da capital chairega que, na primeira metade do século XX chegou a contar con máis de vinte xornais. En 2008, con motivo do 25º aniversario da publicación, aqueles primeiros números foron editados nunha edición facsimilar pola Universidad Rey Juan Carlos e o Instituto de Estudos Chairegos, con limiar de Ramón Villares e Antón Baamonde. 

En 2008 o proxecto renaceu como o dixital avozdevilalba.com (posteriormente .gal), a revista do mesmo título (da que se publicaron 67 números en pdf, e que estractaba os contidos máis importantes da web) e sete números máis en papel que viron a luz entre 2008 e 2014. Chegado o 40º aniversario da cabeceira, quizais a máis importante da historia do xornalismo vilalbés, a efeméride deu pé a estes catro libros, que achegan unha selección de textos publicados, tanto dos tres responsables do xornal, como dunha selecta escolleita de colaboradores.  


5 de maio de 2023

0 comentários :

Danos a túa opinión